Deporte e convivencia no Nadal de Salceda
encontros

Sobre estas liñas, festa de Nadal de ximnasia de mantemento. Á esquerda, Gala de Nadal do CPA Salceda. | // D.P.
O Nadal en Salceda de Caselas vívese un ano máis arredor do deporte, da convivencia e da emoción compartida.

Deporte e convivencia no Nadal de Salceda
Dúas entidades moi representativas do municipio, o Club Patinaxe Artístico de Salceda e a Asociación de persoas xubiladas e pensionistas, celebraron as súas tradicionais festas de Nadal, enchendo espazos municipais e demostrando que a actividade física é tamén un punto de encontro social e emocional para todas as idades.
Club Patinaxe Artístico
O Club Patinaxe Artístico de Salceda celebrou a súa xa tradicional Gala de Nadal, un evento que ano tras ano consegue encher o renovado pavillón municipal. A cita volveu poñer en valor o traballo desenvolvido pola Escola Municipal de Patinaxe, que acumula máis de 20 anos de traxectoria formando deportistas dende idades moi temperás.
A cativada pode iniciarse neste deporte a partir dos 3 anos, pasando a formar parte dun club que conta con máis de 40 persoas repartidas entre escolas deportivas, escola base e competición.
Ana García, adestradora do club, definiu o patinaxe artístico como «arte en movemento» e lembrou que se trata dun dos deportes máis técnicos e esixentes que existen. «Detrás de cada espectacular malla, peiteado e maquillaxe hai moitas horas, días e anos de traballo, de repeticións e de caídas ata dominar os exercicios», sinalou.
O público puido gozar dunha gala na que cada paso, xiro, salto ou pirueta estaban perfectamente medidos e adaptados á música e á personalidade de cada patinador ou patinadora, froito dun traballo constante e minucioso.
Dende o club quixeron expresar a súa admiración polos e as deportistas, destacando a súa capacidade para erguerse tras cada caída, sorrir e seguir adiante con constancia ata acadar os seus obxectivos.
Festa de Nadal
Pola súa banda, a Asociación de persoas xubiladas e pensionistas de Salceda celebrou tamén a súa tradicional festa de Nadal da actividade de ximnasia de mantemento, na que participan arredor de 90 persoas socias.
Trátase dunha das actividades con maior éxito dentro da ampla oferta da entidade, que ao longo do ano organiza cursos, excursións, festas e charlas. A actividade, que se desenvolve no Centro Social da Devesa, conta maioritariamente con mulleres, aínda que cada vez son máis os homes que se animan a participar.
Con preto de 700 persoas asociadas, procedentes tanto de Salceda como de concellos da contorna, a asociación é a máis grande do municipio e realiza unha labor constante a prol das persoas maiores, favorecendo a socialización e mellorando a saúde física e mental. Dende o Concello recoñecen este traballo continuado, colaborando coa entidade ao longo de todo o ano.
A alcaldesa, Loli Castiñeira, e a concelleira de Benestar, Selene González, acompañaron á asociación nesta celebración tan emotiva, que puxo o broche final a un Nadal marcado pola participación e o compromiso coa vida activa.
- Crecer en paz, dereito ou oportunidade?
- O Concello de Gondomar impulsa programas para maiores de 65
- Historia, tradición e sabor á beira do Miño
- Nigrán fecha o mes de xullo festexando ao seu patrón, San Fiz
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- A singularidade da Semana Santa tudense
- A represión franquista, a estudo nas «Xornadas da Memoria»
- O CrossFit rompe barreiras nas comarcas