Actividades
Fin de ano con deporte solidario, rondallas, música e cinema familiar
Hoxe celébrase a tradicional concentración de «Os Arroases» e, pola tarde, a carreira «1 kg por dorsal»

Sobre estas liñas, rondalla de Santiago de Parada. Á dereita, carreira solidaria «kilo por dorsal» 2024. | // D.P.
O Concello de Nigrán concentra na última fin de semana do ano diferentes eventos deportivos e musicais para todos os gustos, sumando a eles a habitual proxección de cine familiar. Todas as actividades programadas terán lugar ao longo do día de hoxe.

Fin de ano con deporte solidario, rondallas, música e cinema familiar
Arroases do Val Miñor
Así, no eido deportivo, desde as 11:00 horas celébrase no porto de Panxón a oitava xuntanza solidaria coa protectora de animais Baisenpulgas de «Os Arroases» do Val Miñor, na que os máis de 150 inscritos de toda a comarca nadarán 1.500 metros nas augas de Praia América. A organización insiste en recordar que a proba non é competitiva.
Carreira solidaria
Xa pola tarde o Concello celebra a carreira solidaria «Kilo por dorsal», este ano en colaboración coa ANPA do CEIP Humberto Juanes e FAVALMI. A proba deportiva popular consta de 4 km e será con saída ás 17:00 horas desde o Pavillón de Panxón para chegar ao final de Praia América e regresar. Finalizará cunha chocolatada. Os interesados en participar non precisan inscribirse, tan só achegar hoxe día 1 kg de alimentos non perecedoiros para o Banco de Alimentos Municipal (o pavillón estará aberto desde as 15:30 horas).
Certame de Rondallas
A música tamén será protagonista na despedida do ano co VI Certame de Rondallas do Val Miñor desde ás 10:30 horas na Alameda da Ramallosa coa presencia das formacións da AVV Galiñeiro de Vincios, Airiños da Lagoa, A Merced de Chaín e a anfitriona, a Rondalla de Santiago de Parada.
Música de cámara
Xa á noitiña, ás 20:00 horas no Auditorio Municipal con entrada libre ata completar aforo, terá lugar o concerto de música de cámara a cargo das irmás Alba e Lara Raña, frauta e piano respectivamente, que interpretarán obras de Jesús Guridi, Philippe Gaubert e Óscar de Manuel. O Concello de Nigrán ofrece tamén a partir das 22:00 horas no Torreiro de Priegue, en colaboración con devandita asociación, a actuación do grupo de corda Baiona Bay.
Cinema de Nadal
Os máis pequenos da casa terán tamén este sábado a última oportunidade de ver cine de Nadal no 2025, así, os Cines Municipais proxectarán ás 18:00 horas Polar Express e, xa o sábado 3 de xaneiro, Arthur Christmas. Como todas as proxeccións infantís neste espazo público, son de balde mediante retirada de invitación na propia taquilla desde unha hora antes do comezo e ata esgotarse a cabida.
- Crecer en paz, dereito ou oportunidade?
- O Concello de Gondomar impulsa programas para maiores de 65
- Historia, tradición e sabor á beira do Miño
- Nigrán fecha o mes de xullo festexando ao seu patrón, San Fiz
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- A singularidade da Semana Santa tudense
- A represión franquista, a estudo nas «Xornadas da Memoria»
- O CrossFit rompe barreiras nas comarcas