Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Tui, capital cultural para celebrar 800 anos

catedral

de tui

Presentación do 800 aniversario da consagración da Catedral de Tui.   | // D.P.

Presentación do 800 aniversario da consagración da Catedral de Tui. | // D.P.

[Tui]

A cidade de Tui deu o pistoletazo de saía ás celebracións polo 800 aniversario da consagración da Catedral de Santa María, unha efeméride que transformará o municipio nun foco cultural e espiritual ao longo de todo o ano 2026. O Concello e o Cabido presentaron un amplo programa de actividades relixiosas, culturais e divulgativas, que arrincará mañá, domingo 30 de novembro coa solemne apertura do Ano Xubilar.

O acto de presentación tivo lugar na capela das reliquias da propia Catedral, nun escenario cargado de simbolismo, e contou coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o bispo da diocese Tui-Vigo, Antonio Valín; o deán da Catedral, José Diéguez Dieppa; a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente; a subdelegada de Patrimonio, Elvira Larriba; e o músico Samuel Diz, un dos protagonistas do inicio musical da programación.

Na súa intervención, o alcalde Enrique Cabaleiro destacou que a Catedral «é a alma e o corazón da cidade, unha das grandes iconas espirituais e patrimoniais de Galicia e deste territorio transfronteirizo», afirmou. Pola súa parte, a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, resaltou o traballo das últimas semanas para artellar unha programación á altura da efeméride. «Queremos que este domingo e durante todo o próximo ano Tui sexa o foco da cultura», afirmou, convencida de que a Catedral actuará como «faro cultural do municipio, da provincia e de toda Galicia».

Inicio musical

A música terá un papel protagonista no comezo das conmemoracións. O guitarrista Samuel Diz detallou os dous concertos previstos para este domingo, ambos concibidos «desde o sentimento de amor e respecto á Catedral». Tras a misa das 12.00 horas interpretarase «Os fogos de San Telmo», do compositor portorriqueño Hermelindo Ruíz-Mestre, nun diálogo musical entre Tui e Porto Rico liderado pola violinista tudense Sara Areal e o propio Diz, baixo a dirección de Roselyn Pabón.

Pola tarde, ás 17.30 horas, celebrarase o concerto «Centenario», que inclúe a estrea absoluta da obra Catedral Atlántica, do compositor galego Fernando Buide. O recital reunirá intérpretes de Europa e América nun encontro que busca poñer en valor o talento e a identidade transfronteiriza de Tui.

Dimensión espiritual

O bispo Antonio Valín destacou que ao longo de 800 anos a Catedral foi «referente para os veciños e veciñas» e «porta de entrada para tantos peregrinos». Subliñou que a diocese quere que siga sendo un espazo de acollida e espiritualidade. O deán, José Diéguez Dieppa, explicou que este domingo ás 12.00 horas celebrarase a apertura do Ano Xubilar, que incluirá a excepcional apertura do altar das reliquias tanto o 30 de novembro como o 1 de decembro, un feito de especial relevancia.

Entre os actos relixiosos de decembro destaca tamén, o día 1, unha conferencia do experto en liturxia Ramón Navarro, seguida da Eucaristía solemne polo 800 aniversario e o Xubileo do clero da diocese.

Programación

A subdelegada de Patrimonio, Elvira Larriba, anunciou importantes actuacións vinculadas ao legado histórico de Tui. Entre elas, a apertura en 2026 do Museo Tude, destinado a reforzar a oferta cultural e turística da cidade; a posta en marcha do proxecto «Tui-Valença. De Braga a Compostela», cunha exposición itinerante que visibilizará a conexión histórica entre o norte de Portugal e Galicia; e a creación dunha vidrieira conmemorativa do 800 aniversario que se instalará no rosetón sur da Catedral. Larriba informou tamén do avance na restauración do retablo e da vidrieira da capela de Santiago.

No eido patrimonial, Tui acollerá ademais as Xornadas Nacionais de Patrimonio da Conferencia Episcopal Española, visitas guiadas especiais e un taller fotográfico impartido por Iago Eireos, titulado «Tres olladas á Catedral de Tui: Arquitectura, Emoción e Narración».

A divulgación histórica terá un peso destacado coa presentación, o 11 de decembro, do libro «Tui 1225», de Pablo Álvarez Yáñez, editado polo Concello de Tui, que ofrece recreacións de como eran a cidade e a Catedral no momento da consagración. A historiadora Marta Cendón, catedrática da USC, afondará nesa mesma época na conferencia do día 30: «A catedral de Tui a 30 de novembro de 1225. Que estaba feito e que faltaba por facer».

A I Xornada Imaxe + Letra, organizada polo cineclub Tui o 2 de decembro, permitirá realizar unha visita á Catedral mediante tecnoloxía de realidade inmersiva baixo o título «O Galiverso empeza aquí». Ese mesmo día proxectarase o filme El nombre de la rosa, seguido dun coloquio co divulgador Miguel A. Cajigal, coñecido como @elbarroquista.

A programación de decembro complétase coa inauguración do Belén e da exposición Beléns do Mundo, así como coa entrega dos premios do concurso escolar da tarxeta de Nadal, dedicado este ano ao propio VIII Centenario.

Tracking Pixel Contents