Escénicas
Fin de semana teatral en Tomiño, con espectáculos premiados
O auditorio de Goián acolle As gardiás e Brancaneves

As gardiás estará hoxe no Auditorio de Goián. | // FDV
Tomiño vive estes días unha fin de semana dedicada ás artes escénicas, nunha aposta decidida pola cultura de calidade que chega ao auditorio de Goián da man de dous espectáculos recoñecidos pola crítica e o público. A programación, pensada para diferentes idades e sensibilidades, combina emoción, humor e reflexión a través de propostas que convidan tanto a rir como a pensar colectivamente.
Hoxe ás 21:00 horas, o escenario acollerá As gardiás, da compañía Teatro de Ningures. Dirixida ao público adulto, a obra mergulla na historia de Rosa, unha muller usuaria de cadeira de rodas, e tres amigas xubiladas que se negan a renunciar á súa autonomía ante a posibilidade de ingresar nunha residencia. A montaxe, recoñecida co Premio da Crítica de Galicia en Artes Escénicas, propón unha mirada profunda e humana sobre os coidados, a independencia persoal e o valor das redes afectivas nun momento no que os modelos de convivencia e autoxestión están en plena transformación social. As entradas teñen un prezo de 5 euros.
Mañá, domingo 30 de novembro será a quenda de Brancaneves, da compañía Chana Teatro, que subirá ao escenario ás 17:30 horas cunha adaptación do clásico conto popular. A peza, distinguida co Premio Max 2023 ao mellor espectáculo infantil, emprega o teatro de obxectos para construír un universo cheo de humor, maxia e poesía no que pequenos e maiores poden redescubrir a historia desde unha perspectiva fresca, visual e cargada de tenrura. O prezo da entrada é de 3 euros.
A alcaldesa de Tomiño salientou que esta programación «reflicte o compromiso do Concello por ofrecer cultura de proximidade que entretén, emociona e promove experiencias compartidas». As entradas están dispoñibles na aplicación Sporttia e na taquilla do auditorio unha hora antes de cada función.
- Redondela leva a maxia do Nadal ás súas trece parroquias
- A música toma Salceda en novembro
- Redondela di «ante a violencia machista, resposta universal»
- Fin de semana teatral en Tomiño, con espectáculos premiados
- Covelo dá a benvida ao Nadal cun mes cheo de tradición, cultura e solidariedade
- Arantei dá a benvida ao viño novo
- O I Rondallas Fest unirá tradición e cinema no Pazo de Mos
- Tui, capital cultural para celebrar 800 anos