Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Festas

Redondela leva a maxia do Nadal ás súas trece parroquias

O acendido das luces esta tarde dará inicio a unha ampla programación que inclúe panxoliñas, visitas de Papá Noel, festa Pre Fin de Ano e Cabalgatas.

Pakolas será unha das estrelas do Nadal de Redondela , abrindo xaneiro en vilar de Infesta.   | // BERNABÉ/ JAVIER LALÍN

Pakolas será unha das estrelas do Nadal de Redondela , abrindo xaneiro en vilar de Infesta. | // BERNABÉ/ JAVIER LALÍN

[Redondela]

A programación cultural de Nadal do Concello de Redondela xa está lista para encher de luz, música e ilusión as rúas e parroquias do municipio. Hoxe ás 20.00 horas, o acendido oficial das luces na praza do Concello marcará o comezo dunha ampla axenda festiva que se prolongará ata o Día de Reis. O acto inaugural contará cun gran espectáculo e un pasarrúas polo centro da vila, no que a música e a maxia do Nadal terán un papel protagonista, ademais doutras sorpresas preparadas para a ocasión.

A alcaldesa, Digna Rivas, subliña que a iluminación volverá estenderse a todas as parroquias, mantendo a aposta iniciada nos últimos anos por «democratizar o Nadal» e levar o espírito destas datas a cada recuncho de Redondela. As figuras luminosas decorarán rúas, prazas, alamedas e xardíns. «Queremos que toda a veciñanza sinta o Nadal preto, vivan onde vivan», destacou.

III Ciclo Interparroquial

Un dos piares da programación deste ano é o III Ciclo Infantil Interparroquial de Nadal, que por primeira vez chegará ás trece parroquias do municipio cun total de trece espectáculos pensados para público familiar. A concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, lembrou que se trata de actividades en galego, destinadas a ofrecer contidos culturais de calidade durante as vacacións escolares.

Todas as actuacións comezarán ás 18.00 horas. O ciclo abrirase o 19 de decembro no Centro Cultural de Ventosela co grupo redondelán As Tareixas. Ao día seguinte, o 20, Brais das Hortas presentará Zona de Obras en Quintela. En Cesantes, o 21 de decembro, será a quenda do músico Paco Nogueiras co espectáculo Son animal.

O día 22, na Sociedade Labrego Cultural do Viso, representarase O castiñeiro do Apalpador, da compañía Fantoches Baj. Un dos momentos máis esperados chegará o 23 de decembro en Saxamonde, coa actuación de Peter Punk, que combinará humor, música e clown.

Tras a pausa do Nadal, o 26 será o turno do circo co Show de Fifo en Negros, seguido o 27 pola proposta de Títeres Alakrán, que presentarán Barriga Verde no Centro Cultural de Cedeira. O 28, o Auditorio da Xunqueira acollerá o espectáculo de maxia do recoñecido ilusionista internacional Cayetano Lledó.

O ritmo e a festa regresarán o 29 a Trasmañó con A Bailar no Nadal, de Animar-T, e o 30 Ce Orquestra Pantasma pechará o ano en Reboreda cunha actuación chea de dinamismo e interacción.

O 2026 comezará coa presenza dunha das compañías máis destacadas da escena galega: Tanxarina, que levará Titiricircus ao Centro Cultural de Cabeiro o 2 de xaneiro. O día 3, Pakolas ofrecerá o seu espectáculo musical rockeiro en Vilar de Infesta. Finalmente, o ciclo clausurarase o 4 de xaneiro no auditorio do Piñeiral do Crego, en Chapela, coa visita dunha das familias máis queridas por pequenas e pequenos: Os Bolechas.

Concertos solidarios

A programación cultural complétase cun concerto benéfico a favor de Cáritas, que terá lugar o 27 de decembro no Auditorio da Xunqueira, ademais dos Festivais de Panxoliñas e Canto Tradicional os días 3 e 4 de xaneiro, actividades que ano tras ano congregan numerosos grupos locais e público de todas as idades.

Papá Noel

Entre o 17 e o 24 de decembro, a cativada poderá visitar a Casa de Papá Noel na Alameda Castelao. O horario será de 17.00 a 19.30 horas, agás o día 24, que abrirá só pola mañá. En Chapela, Papá Noel instalarase na Alameda Rosalía de Castro do 20 ao 23 de decembro en horario de tarde.

Como novidade cativada e familias poderán contactar con Papá Noel a través da web municipal Nadal en Redondela desde o 12 de decembro, unha opción que permite enviar mensaxes e recibir respostas personalizadas.

Pre fin de ano

A festa Pre Fin de Ano celebrarase o 30 de decembro no campo da feira, a partir das 21.00 horas, cun concerto e discoteca móbil que promete continuar a ser unha das celebracións máis multitudinarias do Nadal redondelán.

Cabalgatas

As Cabalgatas de Reis manterán o formato habitual. O 5 de xaneiro, ás 18.00 horas, Melchor, Gaspar e Baltasar percorrerán Redondela e Chapela repartindo caramelos e ilusión. O día 6, a vila vivirá unha das súas xornadas grandes coa saída das Rondallas e Ranchos de Reis, que desde as 10.00 horas encherán de música e tradición o centro urbano.

Tracking Pixel Contents