Inauguración
O Porriño estrea a Praza 25 N para lembrar
Pensada como espazo de memoria e reflexión, abriu nunha xornada marcada polo recordo das vítimas

Ofrenda ás vítimas fronte ao Concello do Porriño | // D.P.
O Porriño conmemorou este 25 de novembro o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller cun amplo programa no que destacou a inauguración oficial da Praza 25N, un novo espazo simbólico dedicado á memoria das vítimas e ao compromiso colectivo contra a violencia machista.
Os actos comezaron coa colocación do lazo morado na fachada do Concello e continuaron coa instalación do Punto Violeta na Praza do Concello.
O momento central da xornada chegou coa apertura da Praza 25N, situada fronte á igrexa de Santa María do Porriño, nun acto iniciado cunha peza de violín que reforzou o clima de lembranza.
Tras descubrir a placa, o alcalde Alejandro Lorenzo subliñou que a denominación deste espazo responde a «un compromiso adquirido en pleno e agora materializado», recordando que a loita contra a violencia machista «non pode limitarse a un só día». Defendeu que a praza sexa un lugar «de reflexión, memoria e compromiso colectivo».
Un dos momentos máis emotivos foi o lazo humano formado polo alumnado de 2º e 4º da ESO do colexio Hermanos Quiroga, que sostivo cartolinas moradas cos nomes das 39 vítimas mortais deste ano.
A concelleira de Igualdade, Carolina González, salientou a importancia de educar en valores e loitar tamén contra as violencias cotiás, mentres a xuíza María Jesús Mosteiro leu o manifesto institucional, reclamando políticas eficaces e recursos accesibles.
O acto concluíu cun concerto de corda e piano da Escola Municipal de Música, que puxo o broche a unha xornada de unidade e reivindicación por unha vida libre de violencia para todas as mulleres.
- Redondela leva a maxia do Nadal ás súas trece parroquias
- A música toma Salceda en novembro
- Redondela di «ante a violencia machista, resposta universal»
- Fin de semana teatral en Tomiño, con espectáculos premiados
- Covelo dá a benvida ao Nadal cun mes cheo de tradición, cultura e solidariedade
- Arantei dá a benvida ao viño novo
- Tofu cobrará vida este ano: así é o videoxogo que nace en Arbo
- Tui, capital cultural para celebrar 800 anos