Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Gastronomía

Novo recoñecemento ao xamón da Cañiza en Xantar

A vila reafirmou en Xantar o prestixio dos seus produtos locais, cunha presentación que puxo o foco no seu xamón e riqueza turística

Stand da Cañiza na feira Xantar.   | // D.P.

Stand da Cañiza na feira Xantar. | // D.P.

[A Cañiza]

O Xamón da Cañiza destacou con forza no 26º Salón Internacional de Turismo Gastronómico «Xantar», celebrado en Ourense. A delegación cañicense participou nesta edición cunha completa mostra dos seus produtos máis representativos, reforzando a proxección gastronómica e turística dun municipio que continúa a gañar presenza nos principais eventos galegos.

A presentación oficial tivo lugar nun acto encabezado polo alcalde, Luis Piña, acompañado pola tenente de alcalde, María José Rodríguez; pola concelleira de Goberno, Eva María Rivas; polo experto xamoneiro encargado da demostración; e por José Antonio Estévez, empregado municipal e responsable da organización do stand. A comitiva destacou a relevancia da cita ourensá como escaparate privilexiado para compartir co público o valor engadido dos produtos locais.

A Feira do Xamón, símbolo gastronómico da Cañiza, actuou como eixo central dunha intervención que tamén deu espazo ao mel, aos queixos e aos viños das adegas de Valeixe, integradas na D.O. Rías Baixas. A variedade de elaboracións tradicionais foi moi ben recibida polos visitantes, que puideron degustar no stand produtos como os queixos «Castro Xaneiro», o mel dos apicultores Inocencio López, Antonio Sendín e Rogelio Rodríguez; os viños «Eido da Fonte» e «Abelán»; os caracois preparados da marca «ComeCois» ou as marmeladas artesás «A Raposeira».

Xunto ao apartado culinario, o Concello puxo en valor a súa oferta turística, especialmente a ampla rede de rutas de sendeirismo. Destacáronse itinerarios como a PRG-206 de Fontefría, a PRG-207 da Cidade Castrexa das Grades, a PRG-272 do río Ribadil, a ruta de Luneda e a PRG-165 das Fragas e Levadas do Calvo e Deva. Tamén se salientou o novo miradoiro do Monte Lapido, inaugurado no verán, así como as prospeccións arqueolóxicas na Citania das Grades, abertas ao público desde este luns.

Tracking Pixel Contents