Proxeccións
Nigrán réndese ao cinema de Nadal
Os Cines Municipais da Ramallosa converteranse no centro neurálxico da programación festiva y Hoxe proxéctase Charlie y la fábrica de Chocolate ás 18:00 horas

As proxeccións para infancia no cinema municipal están a gozar dun éxito absoluto. | // D.P.
O Concello de Nigrán ultima xa os detalles dunha das propostas estrela da súa programación de Nadal: proxeccións de cinema para todas as idades que converterán os Cines Municipais do Centro Comercial A Ramallosa no corazón cultural das festas.
Ao longo de todo o mes de decembro, e tamén nos primeiros días de xaneiro, este espazo acollerá un amplo ciclo de filmes especialmente vinculados ao espírito destas datas, combinando sesións familiares os sábados e proxeccións dirixidas ao público adulto os xoves.
Como é habitual na programación municipal, todas as funcións comezarán ás 18.00 horas e serán de acceso libre. Porén, debido á elevada demanda que adoitan rexistrar as propostas infantís, será necesario retirar invitacións na propia billeteira desde unha hora antes do inicio da sesión ou ata esgotamento da cabida dispoñible.
A programación familiar deste Nadal vén asinada polo órgano de participación infantil e xuvenil do Concello, «Xeración Xa!», que seleccionou cinco títulos de referencia para as tardes dos sábados.
Programación
O 6 de decembro abrirá o ciclo Pesadilla antes de Navidad, clásica historia fantástica de Tim Burton que se ten convertido nunha das propostas máis celebradas polo público mozo. O sábado 13 chegará a quenda de El Grinch, a divertida adaptación do personaxe creado por Dr. Seuss. O día 20 proxectarase Solo en casa, comedia imprescindible destas datas e filme que marcou xeracións. Xa o 27 será o momento de Polar Express, unha aventura animada que combina maxia e emoción. Por último, o 3 de xaneiro pechará o ciclo familiar Arthur Christmas, unha moderna revisión do universo de Papá Noel.
Pola súa banda, o público adulto contará cunha programación específica os xoves, elaborada a partir das suxestións recollidas polo Concello entre os asistentes ás sesións de novembro. Así, o 4 de decembro proxectarase Campeones coincidindo coa celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, un filme que se converteu nun símbolo de inclusión e empatía. Nos xoves seguintes , 11 e 18 de decembro, exhibiranse Plácido, obra mestra de Berlanga ambientada precisamente nunha Noiteboa, e ¡Qué bello es vivir!, o gran clásico de Frank Capra que cada Nadal volve ás pantallas de todo o mundo.
«Temos a enorme sorte de contar cun cine municipal, e esta é a ocasión perfecta para recuperar películas antigas moi vinculadas ao Nadal. Para outro tipo de programación máis novidosa contamos, a escasos metros, co Cine Imperial, probablemente o cine independente máis antigo de España», sinala o alcalde, Juan González, destacando a complementariedade das dúas salas e a oportunidade que supón para diversificar a oferta cultural do municipio.
- Redondela leva a maxia do Nadal ás súas trece parroquias
- A música toma Salceda en novembro
- Redondela di «ante a violencia machista, resposta universal»
- Fin de semana teatral en Tomiño, con espectáculos premiados
- Salvaterra de Miño, capital do espumoso de Galicia
- Covelo dá a benvida ao Nadal cun mes cheo de tradición, cultura e solidariedade
- Arantei dá a benvida ao viño novo
- A derradeira lección do mestre