Pumptruck
Nigrán, referente en deportes urbanos
A vila ven de inaugurar unha pista no Salgueiral, pensada para BMX, que se suma ao surftrack de Patos e ao skate park de Porto do Molle

A nova pista de pumptruck é asiduamente visitada pola mocidadedende a súa apertura. | // D.P.
O Concello de Nigrán aposta forte polo deporte urbano co seu novo gran pumptrack no barrio do Salgueiral, unha infraestrutura de 1.030 metros cadrados² que xa está aberta ao público e que se converte na máis grande do sur da provincia. Ademais, é a única de Pontevedra que incorpora unha zona específica para saltos dirt-jump, elemento moi demandado polos deportistas máis experimentados. O novo circuíto compleméntase co surftrack en Patos e co skate park de Porto do Molle, consolidando a Nigrán como unha das capitais galegas dos deportes urbanos. O proxecto foi executado pola empresa especializada Overlay Projets.
«A mocidade foi quen demandou esta pista e desde o Concello non dubidamos en levala adiante, porque lles permite socializar e practicar o seu deporte favorito sen saír do municipio», explicou o alcalde, Juan González, quen lembrou que o surftrack respondeu tamén ás necesidades trasladadas polas escolas de surf da zona.
O pumptrack está situado nunha parcela municipal de 3.574 m² entre o Camiño de Salgueiral e a PO-325, nunha área próxima á praia e ao centro urbano.
A instalación inclúe dous circuítos diferenciados: un primeiro de 38 metros e forma triangular, pensado para a infancia e persoas principiantes, e outro máis amplo, composto por dous aneis de 85 e 95 metros, destinados a niveis medio e avanzado. Este último incorpora distintas mesetas para a práctica de saltos dirt-jump. Ambos espazos, construídos en asfalto, presentan peraltes, contraperaltes e baches de diversas dificultades.
Segundo o rexedor, «a expectación foi máxima e esta fin de semana xa recibiu moitísima xente», ao tempo que destacou que o Concello «debe adaptarse continuamente ás novas tendencias sociais e deportivas», citando tamén investimentos recentes nas áreas de calistenia de Panxón e A Ramallosa.
- Redondela leva a maxia do Nadal ás súas trece parroquias
- A música toma Salceda en novembro
- Redondela di «ante a violencia machista, resposta universal»
- Fin de semana teatral en Tomiño, con espectáculos premiados
- Covelo dá a benvida ao Nadal cun mes cheo de tradición, cultura e solidariedade
- Arantei dá a benvida ao viño novo
- Tofu cobrará vida este ano: así é o videoxogo que nace en Arbo
- Tui, capital cultural para celebrar 800 anos