Dereitos
Nigrán crea o Consello Municipal da Muller nun 25N con voz moza
A xornada estivo marcada pola loita contra a violencia vicaria

Representantes da Xeración Xa! leron o manifesto do 25N. | // D.P.
A programación especial polo 25-N en Nigrán culminou cun acto matinal na Praza do Concello e coa histórica constitución, xa pola tarde, do primeiro Consello Municipal da Muller no Salón de Plenos.
Os actos arrancaron ao mediodía cunha lectura pública do manifesto elaborado pola Xeración Xa!, o órgano de participación infantil e xuvenil do municipio. Tres voceiros foron os encargados de dar vida a un texto centrado nas vítimas de violencia vicaria, unha das formas máis dolorosas e invisibilizadas da violencia machista. «Queremos medrar nun mundo onde o amor non fira, onde o coidado sexa forza, onde a vida sexa segura, tamén dentro da casa», proclamaron antes de pechar cun contundente «Nin unha menos!», recibido cun forte aplauso do público.
Tras a lectura, representantes da corporación municipal e alumnado de 6º de Primaria do CEIP Humberto Juanes e do CEE Juan María gardaron un minuto de silencio en memoria de todas as vítimas da violencia de xénero. O Concello destacou así a importancia de involucrar á poboación máis nova na construción dunha sociedade igualitaria, fomentando a conciencia social desde idades temperás.
A actividade institucional continuou ás 17:00 horas no Salón de Plenos coa sesión de constitución do Consello Municipal da Muller, un novo órgano consultivo e informativo que reforza a estrutura participativa iniciada polo Concello nos últimos anos. Suma así un novo espazo aos xa existentes, como o Consello da Infancia e Xuventude ou o Consello Sectorial do PXOM.
«É un día histórico para as mulleres de Nigrán; ao fin temos un lugar oficial de encontro, de debate e de propostas para trasladar directamente aos órganos municipais», subliñou Patricia Diego, concelleira de Igualdade e presidenta do Consello por delegación da Alcaldía.
Á sesión asistiron as voceiras dos grupos políticos da corporación e representantes de entidades do municipio que traballan pola igualdade: Favalmi, a Asociación Area Loura e a Asociación de Mulleres Rurais de Chandebrito. Todas elas conforman un órgano que, segundo explicou o Concello, nace co obxectivo de articular un espazo estable onde compartir axendas e propostas, impulsar o empoderamento feminino, crear sinerxías e establecer unha interlocución directa coa administración local.
O alcalde, Juan González, garantiu que as propostas emanadas deste Consello serán tidas en conta no deseño das políticas de igualdade. Ademais, avanzou que o órgano será consultado de forma previa en asuntos relevantes.
Durante esta primeira sesión, a edil de Igualdade presentou o funcionamento do Consello e os programas en marcha desde o CIM, ao tempo que pediu ás integrantes suxestións para configurar a orde do día da seguinte reunión. O novo órgano reunirase, como mínimo, unha vez ao ano con carácter ordinario, podendo convocarse tamén sesións extraordinarias cando así o decida a presidencia ou un terzo das súas integrantes.
- Redondela leva a maxia do Nadal ás súas trece parroquias
- A música toma Salceda en novembro
- Redondela di «ante a violencia machista, resposta universal»
- Fin de semana teatral en Tomiño, con espectáculos premiados
- Covelo dá a benvida ao Nadal cun mes cheo de tradición, cultura e solidariedade
- Arantei dá a benvida ao viño novo
- Tofu cobrará vida este ano: así é o videoxogo que nace en Arbo
- «Éxito rotundo» na IV Festa Furancheira de San Xurxo, en Salceda