Igualdade
Memoria, arte e reflexión nas actividades do 25N do Rosal
Soy Nevenka pecha hoxe as conmemoracións para visibilizar as violencias machistas

Nevenka Fernández participará hoxe nunha conversa. | // EDICIONESB
O Rosal culmina hoxe unha semana de loita contra a violencia machista. Coincidindo co 25 de Novembro, o municipio desenvolveu unha ampla programación que buscou «emocionar, interpelar, mobilizar e seguir revolucionando mentes» nun momento no que a defensa da igualdade e dos dereitos das mulleres continúa a ser un reto. As actividades, iniciadas o martes e estendidas ata hoxe, apostaron pola reflexión, pola participación cidadá e pola memoria das vítimas, lembrando que o compromiso co 25N non debe limitarse a unha data illada, senón acompañar o día a día das institucións e da sociedade.
O pasado martes celebrouse o acto central desta programación, no que o Rosal quixo poñer o foco no impacto das violencias machistas e na responsabilidade compartida de combatelas. Ás 12.00 horas, nos baixos da Casa do Concello tivo lugar unha homenaxe ás mulleres asasinadas e a todas aquelas que sofren violencias pola súa condición de xénero. A xornada contou cunha intervención musical a cargo de integrantes da Agrupación Musical do Rosal, que acompañaron un dos momentos máis simbólicos desta semana.
No marco dese mesmo acto inaugurouse tamén a exposición de cartelería contra a violencia de xénero da Delegación do Goberno. A mostra recolle anos de campañas institucionais, mensaxes de sensibilización e materiais creados para concienciar e denunciar esta grave vulneración dos dereitos humanos. Trátase dun percorrido visual que permite entender como evolucionou a comunicación pública neste ámbito e como as administracións foron adaptando linguaxes, imaxinarios e enfoques para chegar a novos públicos e visibilizar problemáticas ás veces silenciadas.
O xoves celebrouse unha nova sesión do encontro «Café en igualdade», unha iniciativa promovida polo Concello para promover espazos de conversa accesibles arredor de temas relevantes para a igualdade. Nesta ocasión, a cita desenvolveuse ás 17.00 horas na tapería A Praza e centrouse na reflexión sobre a chamada «cultura da violación». O encontro, guiado pola educadora social Angelina Gándara, puxo enriba da mesa como determinados discursos e prácticas normalizadas na sociedade contribúen a soster a violencia sexual, favorecer a impunidade e perpetuar estereotipos que danan especialmente ás mulleres e ás mozas.
A concelleira de Igualdade, Beatriz Rodríguez, destacou a relevancia desta cita, lembrando que «a educación e a conversación aberta son fundamentais para cambiar mentalidades. Non abonda con denunciar: temos que entender, cuestionar e desaprender moitos mandatos sociais que alimentan a desigualdade. Esta programación nace precisamente para iso». A edil incidiu na importancia de crear contextos nos que a cidadanía poida analizar criticamente aqueles comportamentos asumidos como «naturais» pero que, na práctica, seguen sustentando relacións de poder desiguais e respondendo a estruturas patriarcais.
Soy Nevenka
O peche das actividades chega hoxe, sábado 29 de novembro, ás 19.00 horas, coa proxección no Auditorio Municipal da película Soy Nevenka, dirixida por Icíar Bollaín e recomendada para maiores de 12 anos. Tras a emisión do filme, o público terá a oportunidade de dialogar en directo coa propia protagonista, Nevenka Fernández, quen se conectará para compartir reflexións e responder preguntas. A súa participación permitirá afondar no contexto do caso, no impacto persoal e social da violencia institucional e na importancia de romper silencios e apoiar ás vítimas nos seus procesos de denuncia e reparación.
- Redondela leva a maxia do Nadal ás súas trece parroquias
- A música toma Salceda en novembro
- Redondela di «ante a violencia machista, resposta universal»
- Fin de semana teatral en Tomiño, con espectáculos premiados
- Covelo dá a benvida ao Nadal cun mes cheo de tradición, cultura e solidariedade
- Arantei dá a benvida ao viño novo
- Tofu cobrará vida este ano: así é o videoxogo que nace en Arbo
- Tui, capital cultural para celebrar 800 anos