Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Programación

Covelo dá a benvida ao Nadal cun mes cheo de tradición, cultura e solidariedade

Destacan propostas para todas as idades e unha aposta polo comercio e talento locais e o audiovisual galego

Feira de Artesanía de Nadal en Covelo, o pasado ano 2024.   | // D.P

Feira de Artesanía de Nadal en Covelo, o pasado ano 2024. | // D.P

[Covelo]

O Concello de Covelo xa ten preparada a súa programación de Nadal 2025, cunha axenda cultural e festiva que encherá o municipio de actividades desde o 6 de decembro ata o 6 de xaneiro. Con propostas que van desde o teatro, o cine ou a fotografía ata a artesanía, a música ou os eventos familiares, procúrase ofrecer un Nadal participativo, solidario e pensado para todas as idades.

A programación arrincará cun evento xa tradicional destas datas: a tradicional Feira de Artesanía de Nadal, que este ano se celebrará o sábado 6 de decembro na Praza Mestre Cerviño a partir das 10:30 horas.

Feira de artesanía

Esta feira converterá o centro da vila nun espazo cheo de cor, creatividade e actividade. Os postos de artesanía e produto local ocuparán a praza durante toda a xornada, ofrecendo pezas únicas realizadas por persoas artesás e creadoras do municipio e da contorna. A estes sumaráselles os stands de artigos de segunda man e o xa coñecido Espazo de Reparación Colectiva (Repair Café), no que persoas voluntarias colaborarán na reparación de pequenos obxectos para fomentar a economía circular.

A dimensión solidaria estará moi presente. O Grupo de Voluntariado Social do concello impulsará durante a feira a campaña «Cada neno, un xoguete», coa colaboración da Asociación Stop e da ANPA O Suído. Ademais da recollida de xoguetes, tamén se solicitarán alimentos non perecedoiros e tapóns solidarios, co obxectivo de apoiar ás familias que o precisen.

A xornada contarará cun amplo programa de actividades paralelas pensadas para todos os públicos. Ás 11:30 horas terá lugar un obradoiro de cociña con degustación final, ao que seguirá ás 13:00 horas unha sesión vermú musical que animará o ambiente. Xa pola tarde, ás 16:00 horas, celebrarase un obradoiro infantil de manualidades de temática navideña, e media hora despois actuarán os grupos locais Os Troulas e As Retranqueiras de Barcia de Mera, que porán a nota musical.

Un dos momentos máis esperados polos máis pequenos chegará a partir das 17:30 horas, coa visita dos Trasnos do Nadal e de Papá Noel, que estarán na praza recollendo cartas, repartindo globos e participando nun photocall especial.

Programación de Nadal

A programación de Nadal continuará o 13 de decembro con dúas citas destacadas. Pola mañá, o Pavillón Municipal acollerá o Festival de Nadal de Patinaxe Artística, unha actividade que reúne a deportistas da localidade nunha exhibición que combina deporte, música e creatividade. Pola tarde, o Auditorio Municipal será o escenario da representación teatral Neura.

O domingo 14 de decembro celebrarase a VI edición do concurso e exposición fotográfica destinada ao Calendario Municipal 2026. Esta iniciativa convértese cada ano nun escaparate do talento da veciñanza e nunha oportunidade para descubrir novos ollares sobre o municipio.

O espírito máis familiar do Nadal regresará o sábado 20 de decembro co cine de Nadal no Auditorio Municipal, unha actividade especialmente pensada para a cativada e para promover que as familias poidan compartir tempo de ocio nestas datas. A programación de cine continuará o 23 de decembro cunha nova sesión do Ciclo de Cine pola Igualdade, que incluirá un obradoiro infantil ás 17:00 horas e, media hora despois, a proxección do filme Mulan.

Un dos momentos máis sinalados da programación será o 27 de decembro coa celebración da XI Gala dos Galardóns Síntete Covelo 2025, que terá lugar ás 18:30 horas no Auditorio Municipal. O prazo de presentación de candidaturas permanece aberto ata o 5 de decembro ás 14:00 horas.

A actividade cultural estenderase tamén ao mes de novembro e decembro a través do Ciclo Mestre Mateo, que permitirá ao público gozar das longametraxes finalistas e gañadoras dos Premios Mestre Mateo.

A programación culminará o 6 de xaneiro coa tradicional Cabalgata de Reis, que percorrerá as rúas do municipio e rematará cunha gran festa e recepción ás Súas Maxestades no Pavillón Municipal ás 18:30 horas, poñendo así o broche final a un mes de celebracións.

Toda a información detallada pode consultarse na páxina web municipal e nas redes sociais do Concello de Covelo.

Tracking Pixel Contents