Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Infancia

Contos que curan no Porriño pola saúde mental

Trátase da II edición deste proxecto de biblioterapia para a infancia

[O Porriño]

A Biblioteca Municipal do Porriño aposta pola lectura como ferramenta de benestar emocional e apoio á infancia coa presentación do segundo volume do proxecto de biblioterapia infantil Contos que curan. Trátase dunha iniciativa pioneira no ámbito municipal que ten como finalidade previr, identificar e axudar a xestionar distintos problemas e trastornos entre nenos e nenas de 3 a 12 anos a través dos libros. Nesta nova entrega, o programa céntrase nun dos grandes retos educativos e sociais da actualidade: o acoso escolar.

O incremento dos problemas de saúde mental entre a poboación máis nova convértese nun dos desafíos máis importantes para o futuro, polo que resulta fundamental intervir desde as primeiras etapas da vida. As bibliotecas, como espazos de encontro, coñecemento e apoio, teñen un papel clave neste proceso. «As bibliotecas non só son espazos de lectura, tamén son espazos de coidado, de empatía e de aprendizaxe emocional. Con este proxecto queremos contribuír á saúde mental da nosa infancia desde o que mellor sabemos facer: ofrecer libros que axudan a comprender e a curar», afirma o autor do boletín e bibliotecario municipal, David Pérez Rego.

O número 2 de Contos que curan ofrece unha selección de 77 títulos presentes nos fondos da biblioteca municipal, pensados para axudar familias, docentes e profesionais da saúde na súa mediación terapéutica.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, puxo en valor a iniciativa, lembrando que o Concello está «firmemente comprometido co benestar dos máis pequenos e coa creación dunha sociedade máis xusta e solidaria».

O terceiro número, adicado á timidez, verá a luz nos próximos meses.

Tracking Pixel Contents