Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Eventos

Baiona inaugura o Nadal cunha programación chea de maxia

As luces prendéronse onte nun acto que abrirá un amplo programa festivo

Alumeado de nadal no Concello de Baiona.  | // D.P.

Alumeado de nadal no Concello de Baiona. | // D.P.

[Baiona]

Baiona viviu onte un dos momentos máis agardados do ano co acendido oficial do alumeado de Nadal, un acto que marcou o inicio do Bainadal 2025-2026.

A programación, organizada polas concellerías de Festexos, Cultura, Comercio e Turismo, desenvolverase ao longo de decembro e a primeira semana de xaneiro, tanto na vila como nas parroquias.

A tarde inaugural comezou co pasarrúas infantil Paxes Tolos. O momento máis emotivo da xornada chegou ás 19.00 horas, cando se levou a cabo o acendido do alumado. Fiel á tradición iniciada nos últimos anos, o Concello volveu confiar este privilexio á infancia do municipio. Se o ano pasado foron representantes do alumnado de Secundaria do CPI Cova Terreña e do IES Primeiro de Marzo quen tiveron esta honra, nesta ocasión o protagonismo recae nun grupo de cativada de entre 3 e 6 anos da Escola Infantil O Areal de Sabarís. «O Nadal en Baiona ten nome propio: o dos nosos nenos e nenas», destacou o alcalde, Jesús Vázquez Almuiña.

Tras o acendido, o saxofonista Marcos Sabor Sax puxo música á primeira noite festiva dun alumeado que supera o millón de luces LED e incorpora figuras 3D transitables, photocalls e decoración sostible creada en parte con materiais reciclados. A concelleira Ruth Álvarez subliñou a aposta por unha ornamentación «integrada, uniforme e respectuosa co medio».

O Bainadal inclúe propostas para todos os públicos: exposicións de beléns e microbeléns no Multiusos de Sabarís desde o 12 de decembro; a reapertura do espazo recreativo vintage con máquinas arcade; o II Torneo de Futbolín; e o mercadillo social e artístico Febeiral do Miñor, o 21 de decembro. Non faltarán contacontos, circo, roteiros astronómicos, visitas guiadas e múltiples concertos, entre eles o Festival de Panxoliñas Benéfico, o concerto de Nadal da Banda de Música ou o XXXVI Festival de Panxoliñas na igrexa Santa María.

A programación completarase con pasarrúas de rondallas, visitas de Papá Noel e do Carteiro Real e actividades urbanas para a mocidade. O gran colofón chegará coas Cabalgatas de Reis o 5 de xaneiro, con máis de 500 participantes acompañando ás súas maxestades ata a Praza do Concello.

O alumeado permanecerá activo ata o 6 de xaneiro de 2026.

Tracking Pixel Contents