Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Arte

As paradas de autobús de Nigrán, roteiro ornitolóxico

O grafiteiro Beis está a transformar doce marquesiñas do litoral en galerías de aves

Beis, na elaboración dun dos murais.   | // D.P.

Beis, na elaboración dun dos murais. | // D.P.

[Nigrán]

O Concello de Nigrán vén de poñer en marcha unha singular iniciativa que combina arte urbana, divulgación ambiental e posta en valor do espazo público: a transformación de doce paradas de autobús da costa nun auténtico roteiro ornitolóxico. O proxecto, realizado polo artista gráfico vigués Beis, moi coñecido polos seus murais en Monteferro, converterá cada marquesiña nun pequeno santuario dedicado ás aves que habitan o litoral miñorán.

Píllara das dunas, ostraceiro, virapedras, gaivota común ou garza real son algunhas das especies escollidas para protagonizar estes murais, que formarán un itinerario de 7 quilómetros entre o cruce de Patos na Estrada pola Vía e a ponte da Ramallosa. Cada parada contará cun grafiti central da ave correspondente e cun vinilado lateral no que se ofrecerá información básica sobre a especie, un mapa coas diferentes localizacións e un código QR que enlaza cunha ruta interactiva en Wikiloc. Así, o que ata agora eran simples puntos de espera do transporte público pasa a ser un percorrido cultural e natural pensado tanto para veciñanza como para visitantes.

O alcalde de Nigrán, Juan González, destaca que o obxectivo é «promover a identidade cultural, paisaxística e turística do municipio, ao tempo que se dignifica o espazo público e se combate o vandalismo». As doce marquesiñas seleccionadas presentaban un acusado deterioro, polo que esta actuación permitirá revitalizar visualmente a costa. «Será unha verdadeira galería de arte ao aire libre que porá en valor a nosa fauna».

Pedro González, máis coñecido como Beis, explica que este encargo supuxo un reto creativo e tamén un proceso de investigación ambiental. «Son de Coruxo pero fixen moita vida en Nigrán, así que quería ofrecer algo que realmente achegase valor á comunidade», sinala. Aos seus 25 anos, o artista vive principalmente da pintura mural, mais neste caso tivo que estudar e seleccionar as doce aves máis representativas da contorna. A distribución tampouco foi casual: «As especies máis chamativas deixeínas para as paradas con maior visibilidade, como a garza real», comenta.

O roteiro comeza coa píllara das dunas na primeira parada de Patos e continúa coa presenza de ostraceiro, virapedras, negrón común, colimbo chico, correlimo, cormorán, gaivota común, garza real, martín pescador, bisbita común e charrán.

Todos os murais compartirán unha paleta cromática común para garantir unha estética coherente ao longo do percorrido. «Esta será a nova nomenclatura das paradas de autobús en Nigrán», conclúe o alcalde.

Tracking Pixel Contents