Cultura
Tomiño homenaxea a Castelao cunha semana de actividades
O Concello ofrece unha programación que inclúe teatro de monicreques, cine e unha exposición sobre o legado do ilustre galeguista

Mural gañador do concurso de murais de Castelao | // D.P.
A presenza de Castelao latexa con forza estes días en Tomiño. O Concello propón unha semana cultural para redescubrir a obra e o pensamento do galeguista, dentro das actividades do Ano Castelao, convidando a veciñanza e visitantes a mergullarse no seu universo creativo, literario, artístico e político.
O programa arrincou coa inauguración do novo mural de Pedro Gonzalo, Beis, gañador do Concurso de Pintura Mural Castelao–Concello de Tomiño. A peza, situada na avenida República Arxentina, ofrece un percorrido visual polas diferentes etapas creativas do autor de Sempre en Galiza. Trátase dun retrato reinterpretado en estilo realista, cun cromatismo en tons azuis que evoca a bandeira galega, o mar e a identidade do país. A obra mestura trazos soltos, xestos contemporáneos e escenas emblemáticas que dialogan coa visión persoal do artista, nunha fusión de tradición e reinterpretación que reivindica a vixencia do legado de Castelao.
A programación continúa hoxe ás 12.00 horas no Espazo Isaura Gómez coa estrea do espectáculo de monicreques Pelusa e o libro máxico de Castelao, da compañía Títeres Natuacasa. Esta proposta familiar combina cancións populares, humor, emoción e aprendizaxe para achegar á rapazada a vida e obra do autor. A entrada é libre.
Tamén hoxe ás 21.00 horas, o Auditorio de Goián acollerá a proxección gratuíta do filme Antes de Nós, unha aproximación cinematográfica á figura de Castelao e á súa relación con Virxinia. O filme percorre a súa etapa como médico en Rianxo durante a gripe española e a viaxe á Bretaña en 1929 tras a perda do seu fillo, ofrecendo un retrato íntimo do Castelao previo á Xeración Nós e dunha Galicia en proceso de transformación histórica.
Ademais, o Espazo Isaura Gómez acolle nestas datas a exposición Castelao: de “Sempre en Galiza” ao Consello de Galiza 1934–1944, organizada pola Fundación Penzol e a Cátedra Castelao da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co Concello de Tomiño e comisariada por Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega. A mostra percorre cronoloxicamente a actividade literaria e política do autor, desde os seus primeiros artigos no desterro extremeño ata a fundación do Consello de Galiza en 1944. Inclúe paneis e materiais documentais que permiten coñecer o proceso de creación de Sempre en Galiza e o contexto no que se fraguou un dos proxectos políticos máis relevantes do exilio galego.
A alcaldesa, Sandra González, salientou que «con esta programación Tomiño reafirma o seu compromiso coa cultura galega e co legado dunha figura fundamental na nosa historia. Queremos achegar o pensamento e a obra de Castelao á veciñanza desde múltiples linguaxes e formatos, para que continúe a ser un referente vivo e inspirador».
- Redondela leva a maxia do Nadal ás súas trece parroquias
- A música toma Salceda en novembro
- Redondela di «ante a violencia machista, resposta universal»
- Fin de semana teatral en Tomiño, con espectáculos premiados
- Covelo dá a benvida ao Nadal cun mes cheo de tradición, cultura e solidariedade
- Arantei dá a benvida ao viño novo
- Tofu cobrará vida este ano: así é o videoxogo que nace en Arbo
- Tui, capital cultural para celebrar 800 anos