Xuventude
Tofu cobrará vida este ano: así é o videoxogo que nace en Arbo
Acadaron o terceiro premio no certame Xuventude Crea

Parte do grupo durante a entrega de premios do certame Xuventude Crea 2025. | // D.P.
Marcos Parada é un rapaz de Arbo, que xunto a un grupo de estudantes de varios puntos de Galicia, vén de gañar o terceiro premio na categoría de videoxogos do Xuventude Crea 2025. O proxecto presentado polo grupo Virtual Seed, nome co que se inscribiron no concurso foi «After Juice: Animal Disco Mafia».
O xogo trátase dunha aventura gráfica en 3D, ambientado nun mundo animal, onde o protagonista encarna a Tofu, un pequeno hámster no seu primeiro ano de universidade. Tofu terá que afrontarse a unha serie de eventos nocturnos tras unha noite universitaria de zumes. «Hai que xogalo para poder coñecelo, non quero desvelar información de máis» asegura un dos seus creadores, Marcos Parada.
Conta Parada que a idea desta aventura nace no Máster Universitario en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos de Ferrol, onde, por grupos, había que presentar un videoxogo para realizar o Traballo de Fin de Máster. «Evidentemente, en dous anos non deu tempo a rematalo» asegura o autor.
Unha vez rematado o máster, algúns membros do equipo decidiron continuar coa execución, mentres que outros se iniciaron noutros proxectos. Concretamente, Danae, Ramón, Fran, Adrián, Sofía e Alejandro, e por suposto, Marcos, foron os encargados de seguir dándolle vida a Tofu e as súas aventuras. «Levamos dous anos máis traballando nel e intentando acabalo, pero é difícil, xa que non podemos dedicarlle todo o tempo que nos gustaría», indica Parada.
Os traballos están divididos, algúns ocúpanse da parte de artes e outros da programación. Ademais, contan coa colaboración dun rapaz de Xinzo, Andrés, que se encarga da ambientación musical do proxecto.
«Foi unha vivenza moi bonita» conta Marcos ao ser preguntado pola experiencia de presentarse ao programa da Xunta de Galicia «Xuventude Crea». O autor asegura que durante a iniciativa pudieron aprender e coñecer outros proxectos e creadores galegos.
Agora, a ilusión está posta en rematar o xogo e poder sacalo á venda. O grupo pretende que o xogo, na súa versión final, poida estar dispoñible na plataforma Steam a finais deste mesmo ano.
- Redondela leva a maxia do Nadal ás súas trece parroquias
- A música toma Salceda en novembro
- Redondela di «ante a violencia machista, resposta universal»
- Fin de semana teatral en Tomiño, con espectáculos premiados
- Covelo dá a benvida ao Nadal cun mes cheo de tradición, cultura e solidariedade
- Arantei dá a benvida ao viño novo
- O I Rondallas Fest unirá tradición e cinema no Pazo de Mos
- Tui, capital cultural para celebrar 800 anos