Actividades
Fin de semana cultural para todos os gustos en Nigrán
Hai programadas actividades para todos os públicos, con proxeccións gratuítas, un festival musical e teatro

Cine municipal de Ramallosa a comezos deste novembro. | // D.P.
Nigrán será, esta fin de semana, o escenario protagonista dunha intensa axenda cultural na que o cine, a música e o teatro achegaranse de balde a toda a poboación.
As actividades, pensadas para públicos de todas as idades, desenvolveranse entre o sábado e o domingo en distintos espazos municipais, con entrada de balde ata completar cabida.
Cine
Hoxe, sábado 15, ás 18.00 horas, o ciclo de cine familiar de inverno continuará coa proxección do clásico E.T. El extraterrestre nos recentemente adquiridos cines do Centro Comercial A Ramallosa.
A programación, totalmente de balde, require a retirada de convites na taquilla dos cines desde unha hora antes do inicio.
As películas seleccionadas foron escollidas pola «Xeración Xa!», o órgano de participación infantil e xuvenil do Concello. As vindeiras citas serán o 22 e o 29 de novembro con Gru, mi villano favorito e Charlie y la fábrica de chocolate, respectivamente.
O consistorio lembra que, en decembro, ofrecerá tamén unha programación especial de Nadal neste mesmo espazo.
Música
Pola súa banda, a partir das 19.00 horas, o Auditorio Municipal de Nigrán acollerá o «VI Festival Outono Musical», que contará coa actuación do grupo Airiños do mar de Teis e o coro San Vicente de Mañufe. A cita, dirixida a un público máis adulto, manterá o acceso libre ata completarse a cabida.
Teatro
O domingo 16, tamén no auditorio, terá lugar a representación teatral de Silencio, a cargo da compañía Atrezo Teatro (O Porriño). A obra, que pecha o ciclo mensual organizado polo Concello e Teatro do Ar, convida á reflexión sobre o conformismo e a falta de reacción ante as inxustizas. A función comezará ás 19.00 horas e promete ser un colofón emotivo para unha fin de semana dedicada á cultura.
- Redondela leva a maxia do Nadal ás súas trece parroquias
- A música toma Salceda en novembro
- Redondela di «ante a violencia machista, resposta universal»
- Fin de semana teatral en Tomiño, con espectáculos premiados
- Salvaterra de Miño, capital do espumoso de Galicia
- Covelo dá a benvida ao Nadal cun mes cheo de tradición, cultura e solidariedade
- Arantei dá a benvida ao viño novo
- A derradeira lección do mestre