Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Devoción

O Rosal prepárase para a romaría de San Martiño

A saída terá lugar mañá ás 10:30 horas se o tempo o permite y En caso de choiva, a celebración adíase para o primeiro domingo con bo tempo

Asistentes á misa solemne da romaría de San Martiño na capela.   | // LUIS DORADO

Asistentes á misa solemne da romaría de San Martiño na capela. | // LUIS DORADO

[O Rosal]

O Rosal prepárase para vivir unha das súas celebracións máis emblemáticas e queridas: a romaría de San Martiño, unha cita centenaria que volve cada outono ao municipio para unir devoción, patrimonio e convivencia. A cita terá lugar mañá, domingo 16 de novembro.

A procesión de San Martiño ten a saída prevista para ás 10.30 horas da igrexa de Santa Mariña do Rosal, na Praza do Calvario, para iniciar o seu tradicional ascenso ata a ermida do santo.

A imaxe será levada a ombros por veciños e veciñas entre cánticos, gaitas e emoción, nun percorrido que atravesa os muíños do Folón e do Picón, declarados Ben de Interese Cultural, convertendo o traxecto nunha homenaxe á paisaxe e á memoria colectiva.

Xa ao mediodía, ás 12.00 horas, celebrarase a misa solemne na capela, punto culminante dunha romaría que mestura espiritualidade e sentimento popular.

Documentada desde o século XVIII, esta celebración é un dos sinais de identidade máis recoñecibles do Rosal. A tradición manda que, en caso de choiva, a cita se adíe ata o primeiro domingo con bo tempo, pero nunca se cancela. A festa sempre regresa, como as xeracións que, ano tras ano, a manteñen viva.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que «o San Martiño é moito máis ca unha festa relixiosa. É unha viaxe ás nosas raíces, un acto de comunidade e un recordo constante do que somos e de onde vimos. Cada ano, cando a imaxe sobe á ermida, sentímonos parte dunha historia compartida».

A rexedora quixo tamén agradecer «a implicación da veciñanza e das asociacións locais, que fan posible que esta tradición se manteña viva e siga sendo unha cita imprescindible no calendario cultural e social do Rosal».

«O San Martiño é emoción, identidade e orgullo rosaleiro», concluíu a alcaldesa, que convida a toda a veciñanza a participar.

Tracking Pixel Contents