Conmemoración
Nigrán celebra os 75 anos de Galaxia con «venres culturais»
O Concello dedica novembro a homenaxear á editorial, con proxeccións, exposicións ou palestras sobre figuras como Otero Pedrayo, Fernández del Riego e Carlos Casares

Homenaxe a Carlos Casares en Nigrán. | // D.P.
O Concello de Nigrán dedica o mes de novembro á conmemoración do 75 aniversario da Editorial Galaxia, un referente esencial da cultura galega. Todos os venres do mes, ás 19:30 horas, os Cines Municipais do Centro Comercial A Ramallosa acollerán unha programación especial que combina proxeccións, exposicións e palestras en torno a figuras clave da editorial e da literatura galega.
O ciclo arrancou coa proxección do audiovisual Crear porvir. 75 anos de Editorial Galaxia, e coa inauguración das exposicións Unha idea de Galicia e de liberdade. Francisco Fernández del Riego e As caras dos libros de Carlos Casares, que poderán visitarse ata o día 30 en horario de 17:00 a 21:00 horas. O acto contou coa participación do alcalde de Nigrán, Juan González; o director da editorial, Xosé Manuel Soutullo; e o coordinador do evento, Carlos Méixome.
O Concello súmase ás conmemoracións da efeméride subliñando o vínculo especial entre Galaxia e o municipio. «Nigrán foi o lugar elixido para vivir por parte dalgúns dos seus membros máis destacados, por iso queríamos render homenaxe a unha editorial que é símbolo vivo da nosa cultura», explicou o rexedor, Juan González. Entre esas figuras destacan o escritor e director da editorial Carlos Casares, a autora Xohana Torres e, de maneira moi especial, Francisco Fernández del Riego, quen doou parte da súa biblioteca ao municipio.
Onte celebrouse unha palestra sobre Ramón Otero Pedrayo, a cargo da profesora e investigadora Patricia Arias Chachero. O día 21, o protagonismo recaerá en Francisco Fernández del Riego, presentado polo escritor e editor Antón Mascato. Finalmente, o ciclo pechará o venres 28 cunha sesión dedicada a Carlos Casares, conducida polo director de Galaxia, Xosé Manuel Soutullo. Todas as xornadas serán de acceso libre e o aparcadoiro municipal permanecerá aberto ata as 22:30 horas para facilitar a asistencia do público.
Fundada en 1955 nos salóns do Hotel Compostela de Santiago, Editorial Galaxia xurdiu da man dun grupo de galeguistas coñecido como o «exilio interior», formado por Fernández del Riego, Ramón Piñeiro, Ramón Otero Pedrayo, os irmáns Álvarez Blázquez, Álvaro Gil, Antonio Fernández, os irmáns Isla Couto e Manuel Gómez Román, entre outros. O seu obxectivo era manter acesa a luz da cultura galega nos anos escuros do franquismo.
Setenta e cinco anos despois, Galaxia continúa a ser unha das empresas culturais máis importantes de Galicia. Ademais, colabora activamente con fundacións como Penzol, Otero Pedrayo e Isla Couto, reafirmando o seu compromiso co patrimonio intelectual e cultural do país.
- Redondela leva a maxia do Nadal ás súas trece parroquias
- A música toma Salceda en novembro
- Redondela di «ante a violencia machista, resposta universal»
- Fin de semana teatral en Tomiño, con espectáculos premiados
- Covelo dá a benvida ao Nadal cun mes cheo de tradición, cultura e solidariedade
- Arantei dá a benvida ao viño novo
- Tofu cobrará vida este ano: así é o videoxogo que nace en Arbo
- Tui, capital cultural para celebrar 800 anos