Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Mos súmase á loita contra a violencia de xénero polo 25N

25N

y O acto central será o luns 24 y O lema é «Abre os ollos ás violencias invisibles»

Acto central do 25N en Mos na súa edición de 2024.   | // D.P.

Acto central do 25N en Mos na súa edición de 2024. | // D.P.

[Mos]

O Concello de Mos vén de presentar a programación das actividades conmemorativas do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que este ano leva por lema «Abre os ollos ás violencias invisibles».

A campaña busca sensibilizar á veciñanza sobre aquelas formas de violencia máis sutís pero igualmente prexudiciais, como o control do móbil, os celos ou a violencia psicolóxica e económica.

Durante o mes de novembro, desenvolveranse no municipio diferentes accións de sensibilización, formación e participación cidadá, dirixidas tanto á comunidade educativa como á poboación xeral e ao persoal municipal.

A maiores da reunión da Mesa Local contra a Violencia de Xéner, que se celebrará o 21 de novembro; o mércores 19 e venres 21 celebrarase no IES de Mos o foro-debate «Hai saída grazas a ti», unha actividade da Dirección Xeral Contra a Violencia de Xénero destinada ao alumnado de 3º da ESO do instituto.

O luns 24 de novembro terá lugar o acto central da campaña, cun obradoiro de sensibilización no IES de Mos para o alumnado de 1º e 2º da ESO. Ao remate, realizarase un mural colectivo de 25 metros no que participarán estudantes e veciñanza, con debuxos e mensaxes contra a violencia machista. Posteriormente, ás 12:00 horas procederase á lectura do manifesto institucional e ao minuto de silencio polas vítimas.

O xoves 27 de novembro celebrarase unha xornada de formación para o persoal municipal, centrada no uso da linguaxe inclusiva e non sexista e no protocolo de actuación ante posibles situacións de violencia de xénero. A formación desenvolverase en dúas quendas; de 9:30 a 11:30 e de 12:00 a 14:00 horas, para garantir a atención ao público durante toda a mañá.

Xa o sábado 29 de novembro, o Centro Dotacional de Torroso acollerá ás 20:00 horas a representación teatral «Sophie non é o meu nome de guerra», da compañía Redrum Teatro, unha proposta escénica de gran carga emotiva que convida á reflexión sobre a violencia e a identidade.

A maiores, como accións visuais da campaña, colocaranse banderolas con imaxes alusivas ás «violencias invisibles» nas principais zonas do municipio como Puxeiros e As Angustias.

Ademais, realizarase unha performance artística coa mensaxe «Abre os ollos ás violencias invisibles», na que se empregarán cintas tipo policial para simbolizar o lazo que une e sostén á sociedade na loita contra a violencia de xénero.

O obxectivo do Concello de Mos é «comprometerse coa igualdade, a prevención e a erradicación de todas as formas de violencia contra as mulleres».

Tracking Pixel Contents