Educación
Os escolares de Nigrán recuperan os alcumes históricos
Os cinco colexios públicos participan nun proxecto que xunta arte, investigación, e memoria oral

Juan González acompaña á cativada nos obradoiros. | // D.P.
O Concello de Nigrán puxo en marcha un proxecto singular que busca rescatar un dos tesouros máis vivos e, ao tempo, máis fráxiles da cultura popular: os alcumes. A iniciativa, dirixida ao alumnado de 6º de Primaria dos cinco colexios públicos do municipio, pretende recompilar os alcumes tradicionais de cada parroquia e poñelos en valor antes de que se perdan entre as novas xeracións.

«Lettering» dalgúns alcumes. / D. P.
Durante este mes, a cativada está a participar en obradoiros de lettering impartidos polos deseñadores gráficos Noelia Muíños e Ramón Quintas, de Papelier, contratados polo Concello. A través destas sesións creativas, a rapazada transforma en arte as palabras recollidas nas súas comunidades, plasmando os alcumes en deseños que máis tarde formarán parte dun libro ilustrado, un calendario e un póster dedicados ás parroquias de Nigrán.
Nos días previos aos talleres, o alumnado percorreu as rúas e as casas das súas parroquias para preguntar polos alcumes máis coñecidos, recollendo testemuños de familiares e veciños. No CEIP da Cruz, en Camos, apareceron nomes tan característicos como «O Chosco», «As Micaelas», «Grilo», «Balín» ou «Serín». A orixe dalgúns deles sorprendeu mesmo aos propios investigadores máis novos. «Comezaron a chamarlle «O Chosco» porque chiscaba moito o ollo ás rapazas, non porque fora chosco», explicaba divertida unha das participantes.
Esta actividade insírese nunha liña de traballo do Concello que xa no pasado recuperara a microtoponimia (os nomes de lugares e pequenas zonas) de cada barrio. Agora, a mirada desprázase cara aos alcumes, un campo menos estudado pero igual de relevante para entender as relacións sociais e a historia local.
Segundo explicou o alcalde de Nigrán, Juan González, tamén historiador, o proxecto ten unha fonda dimensión patrimonial e cultural, pois «non se trata de inventar novos alcumes nin de recuperar aqueles que tiñan unha intención burlesca ou estigmatizadora, senón de rescatar os tradicionais, que achegan información antropolóxica e lingüística de grande valor. Moitos destes nomes gardan referencias á botánica, á literatura, á historia local ou ás características xeográficas das parroquias».
González advertiu ademais de que a perda progresiva destes alcumes é consecuencia directa das novas dinámicas sociais e dos cambios nos modos de vida, xa que «a falta de transmisión oral e as transformacións na convivencia están a facer que desaparezan. Queremos evitar que se rompa esa cadea de memoria que une ás familias e ás comunidades»
O rexedor salientou tamén o carácter multidisciplinar e participativo da proposta, que combina a recompilación, a interpretación e a difusión dos alcumes cunha metodoloxía baseada na colaboración entre xeracións. «Trátase dun proxecto que mestura investigación, arte e participación cidadá. As crianzas son as protagonistas, pero tamén os seus pais, nais e avós, que achegan os recordos e as historias detrás de cada nome», explicou.
A implicación do alumnado garante que o proxecto teña un impacto máis alá da aula. «Ao converter aos máis pequenos en investigadores, estamos favorecendo a transmisión oral e sementando o interese polo pasado familiar e polos barrios de Nigrán. É unha maneira de fortalecer o sentimento de pertenza á comunidade, algo que sempre procuramos fomentar», engadiu González.
O traballo servirá para elaborar tres produtos culturais que quedarán como testemuño desta memoria colectiva: un libro ilustrado por parroquias, un calendario e un póster. O Concello prevé que estas creacións se presenten publicamente unha vez finalizada a recompilación, converténdose en ferramentas de divulgación do patrimonio oral e en recursos educativos.
Ademais do seu valor artístico, estes materiais pretenden ser un reflexo da diversidade e riqueza das comunidades locais.
- Redondela leva a maxia do Nadal ás súas trece parroquias
- A música toma Salceda en novembro
- Redondela di «ante a violencia machista, resposta universal»
- Fin de semana teatral en Tomiño, con espectáculos premiados
- Salvaterra de Miño, capital do espumoso de Galicia
- Covelo dá a benvida ao Nadal cun mes cheo de tradición, cultura e solidariedade
- Arantei dá a benvida ao viño novo
- A derradeira lección do mestre