Magosto
Castañas e música no magosto de Covelo
O evento tivo lugar na praza Mestre Cerviño y A tarde estivo animada pola charanga «Os Encerellados»

Asando as castañas durante o Magosto de Covelo 2025. | // D.P.
O Concello de Covelo celebrou o pasado sábado 8 de novembro unha nova edición do tradicional magosto de Covelo, unha das festas máis queridas e agardadas do outono no municipio. A cita tivo lugar na céntrica praza Mestre Cerviño, que se encheu de veciños e veciñas dispostos a compartir unha tarde chea de sabor, música e tradición.
Durante a xornada, as persoas asistentes puideron degustar as clásicas castañas asadas, acompañadas de chouripán e bebidas, mentres desfrutaban dun ambiente familiar e festivo. Os máis pequenos tamén tiveron o seu momento especial co obradoiro infantil «Ourizos de Lá», unha actividade creativa destinada aos nenos e nenas da vila.
A música estivo presente durante toda a tarde da man da charanga «Os Encerellados», que puxo ritmo e alegría con temas populares, animando a bailar e cantar a persoas de todas as idades.
O alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo, subliñou a importancia de manter vivas as tradicións e asegurou que «sempre é especial desfrutar dun magsoto entre a veciñanza, unha festa que mantén viva a nosa identidade e reforza os lazos entre todas e todos».
Desde a Concellería de Cultura agradeceron «a ampla participación da cidadanía e o entusiasmo coa que se celebrou esta cita tan arraigada no municipio».
O Magosto de Covelo 2025 foi organizado polo Concello de Covelo coa colaboración da Deputación de Pontevedra, nun afán por «apoiar de maneira decidida as actividades culturais e as tradicións populares que manteñen viva a esencia das vilas galegas, como esta actividade».
Deste xeito, e tras o éxito, o Concello de Covelo pensa xa na vindeira edición desta festividade, que une tradición e gastronomía.
- Redondela leva a maxia do Nadal ás súas trece parroquias
- A música toma Salceda en novembro
- Redondela di «ante a violencia machista, resposta universal»
- Fin de semana teatral en Tomiño, con espectáculos premiados
- Covelo dá a benvida ao Nadal cun mes cheo de tradición, cultura e solidariedade
- Arantei dá a benvida ao viño novo
- «Éxito rotundo» na IV Festa Furancheira de San Xurxo, en Salceda
- Tui, capital cultural para celebrar 800 anos