Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«Baiona Lila» viste a vila de violeta

A Banda da Loba serán as encargadas de pechar unha programación con teatro, música, obradoiros e accións educativas para sensibilizar contra a violencia machista e promover a igualdade real continuará en Baiona durante todo novembro.

A Banda da Loba actuará en Baiona o 29 de novembro.   | // FDV

A Banda da Loba actuará en Baiona o 29 de novembro. | // FDV

[Baiona]

Baiona tinguiuse de violeta a comezos deste mes co inicio do programa «Baiona Lila», unha iniciativa impulsada polo Concello que converte a cultura, a educación e a participación cidadá nas súas mellores ferramentas para loitar pola igualdade de xénero e contra a violencia machista.

Teatro, música, narración oral e obradoiros educativos conforman un calendario de actividades pensado para todas as idades e aberto a toda a veciñanza.

A proposta, que se desenvolve ao longo das catro semanas do mes, aposta por a sensibilización a través da arte e o pensamento crítico, cun obxectivo claro: fomentar unha sociedade máis xusta, respectuosa e libre de estereotipos.

O programa arrancou coa narradora Raquel Queizás e o seu espectáculo «Dámoslle á volta ao conto», unha viaxe polas historias tradicionais reinterpretadas en clave de igualdade. A artista propón, con humor e creatividade, revisar os roles clásicos dos contos infantís e convidar á cativada a imaxinar mundos nos que todas as personaxes teñen voz, poder e capacidade de decisión.

As creadoras e formadoras Cristina Louzán e Priscila Retamozo tamén achegaron novas propostas ao alumnado de primaria coas súas actividades «O arquipélago da igualdade» e «Machismo Game Over», a través de dinámicas lúdicas que fixeron as delicias da mocidade baionesa.

O alumnado de secundaria, pola súa banda, participa en obradoiros de educación sexual con enfoque igualitario, coordinados polo gabinete Amaturi, que aposta por unha sexualidade respectuosa e libre de prexuízos.

O Auditorio V Centenario acolleu o pasado sábado 8 de novembro «Chegar e Encher», de Bea Campos, unha peza que combina humor e crítica social. Ao día seguinte, o domingo 9, foi a quenda da compañía Ghazafelhos co espectáculo familiar «Travesía Unicornio», que defende a diversidade e a liberdade de ser un mesmo.

Próximas semanas

O Multiusos de Sabarís tamén se sumará á programación co espectáculo «Dende Rosalía ata as cantareiras» da compañía A Xanela de Maxín, o domingo 16, unha proposta musical e teatral para nenas e nenos a partir de tres anos. O domingo 23, á mesma hora, presentarase «Pelica de Burra», unha mestura de narración oral e música a cargo de Vero Rilo e Luís Iglesias, que combina tradición, humor e reflexión sobre o papel das mulleres nas historias populares.

Espazos de coidado

O 18 de novembro dará comezo un obradoiro práctico de autocoidado para mulleres, que se celebrará en dúas sesións, de mañá e de tarde, nos espazos municipais de Sabarís e Ángel Bedriñana. A iniciativa busca ofrecer ferramentas para o benestar físico e emocional, poñendo o foco no coidado como acto político e colectivo.

O 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, Baiona celebrará ás 12.00 horas un acto institucional na casa consistorial, un encontro simbólico e reivindicativo co que o Concello quere amosar o seu compromiso firme coa igualdade, o respecto e a erradicación da violencia machista. A cita será tamén un momento para lembrar as vítimas e renovar o chamamento á acción comunitaria fronte á discriminación.

A Banda da Loba

O broche de ouro a este mes violeta chegará o sábado 29 de novembro ás 20.00 horas co concerto da banda galega A Banda da Loba, que presentará no Auditorio V Centenario o seu novo traballo «Lovismo», que explora o amor desde múltiples perspectivas para celebralo na súa complexidade.

Formado por cinco mulleres, o grupo converteuse nun símbolo dunha nova xeración musical galega comprometida coa lingua, a igualdade e o feminismo. O seu estilo combina creación propia con poesía de autoras galegas e letras que reivindican a liberdade, o amor propio e a forza colectiva das mulleres.

Recoñecidas polos seus múltiples premios e pola súa capacidade para conectar coa mocidade, A Banda da Loba foi gañadora do certame aRi[t]mar, finalista nos Premios MIN e unha das formacións máis destacadas da escena galega actual.

En palabras das súas integrantes, «a nosa música é música con m de muller e unha chamada colectiva a facer tribo, a abrir camiño para as que veñen detrás».

As rúas, escolas e espazos culturais de Baiona énchense este mes de historias, voces e talentos femininos que poñen en valor o papel das mulleres creadoras, educadoras e artistas.

Tracking Pixel Contents