Arantei dá a benvida ao viño novo
viño e
música

Asistentes á Festa do Viño Novo de Arantei durante a xornada do domingo. | // MARCOS NÚÑEZ
A parroquia de Arantei, no concello de Salvaterra de Miño, viviu a pasada fin de semana unha das citas máis agardadas do outono: a XXV Festa do Viño Novo, unha celebración que mestura tradición, gastronomía, comunidade e, por suposto, o viño.

Álvaro Pino recibindo un agasallo tras ler o pregón. | // M. NÚÑEZ
Durante dous días, o 8 e o 9 de novembro, o pavillón de deportes da parroquia encheuse de música, aromas e brindes para dar a benvida ao viño novo, ese primeiro froito da colleita que marca o inicio do ano vitivinícola nesta zona da D.O Rías Baixas.

Pequenos e maiores desfrutando dos concertos na festa. | // M. NÚÑEZ
Arantei, sumerxido en plena subzona do Condado do Tea, é un territorio vencellado historicamente á cultura do viño. Aquí, cada novembro, os veciños e veciñas, principalmente os integrantes da comisión das Festas de San Roque dese ano, póñense a traballar a reo para acoller a centos de visitantes que se achegan a desfrutar dos novos caldos.
O barrio de Carrilla foi o encargado de celebrar este ano a festa, que cumplía o cuarto de século de vida.
Os e as asistentes puideron desfrutar da gastronomía local, de degustación de viño de balde e de moita música durante toda a fin de semana.
Algo que fai única a esta festa é que a orixe está na propia parroquia: son os veciños quen achegan as uvas para elaborar o viño que logo se reparte de xeito gratuíto durante a festa. Ese detalle, sinxelo pero significativo, fai da Festa do Viño Novo algo máis que unha romaría. Convérteo nun símbolo de vida en comunidade e de compartir de forma altruísta.
O sábado pola tarde comezaron a funcionar os postos de degustacións de viño e os de comida tradicional galega. Callos, orella, empanada e churrasco fixeron as delicias dos asistentes, mentres soaban as primeiras notas musicais da man do grupo 2 Tipos e La Carrilla Disco Móvil. O ambiente foi medrando ata a noite, cun público diverso que mesturaba veciños, visitantes doutros puntos de Salvaterra e amantes do viño chegados de varias zonas e mesmo do país veciño, Portugal.
O domingo a festa continuou co pregón do deportista Álvaro Pino e novas actuacións musicais a cargo do grupo folclórico San Paio de Alxén e a charanga Os Imperiais.
Por suposto, unha nova oportunidade para seguir degustando os caldos e a gastronomía tradicional galega.
Así, durante a fin de semana, a parroquia encheuse de reencontros, de conversas entre xeracións, de risas e de brindes compartidos. A festa é, tamén, unha oportunidade para que os máis novos coñezan unha tradición que sobreviviu, polo de agora vinte e cinco anos, grazas ao esforzo dos seus maiores.
A Festa do Viño Novo encamiña agora o seu andar cara a súa XXVI edición pero sen perder a súa esencia. Compartir, rir e brindar na mellor das compañías.
- Redondela leva a maxia do Nadal ás súas trece parroquias
- A música toma Salceda en novembro
- Redondela di «ante a violencia machista, resposta universal»
- Fin de semana teatral en Tomiño, con espectáculos premiados
- Covelo dá a benvida ao Nadal cun mes cheo de tradición, cultura e solidariedade
- Arantei dá a benvida ao viño novo
- Tofu cobrará vida este ano: así é o videoxogo que nace en Arbo
- Tui, capital cultural para celebrar 800 anos