Viaxes
Turismo outonal para descubrir o mellor de Galicia
O Porriño promove tres excursións ecoturísticas para maiores de 55, que combinarán visitas á planta de Sogama con percorridos pola Coruña, Compostela e o Pazo de Oca

O Pazo de Oca será un dos destinos turísticos que visitará a veciñanza. | // V.P.
O Concello do Porriño ven d einiciar un novo programa de excursións ecoturísticas dirixidas a persoas maiores de 55 anos, que se desenvolverán durante este mes de novembro.
Trátase de tres saídas organizadas co obxectivo de fomentar a educación ambiental e o turismo sostible entre a veciñanza, ao tempo que se ofrece unha oportunidade de lecer e convivencia.
As viaxes realizaranse os días 4, 11 e 19 de novembro e combinarán unha visita ao Complexo Medioambiental de Sogama, en Cerceda, cun percorrido polos principais puntos de interese turístico e patrimonial das provincias da Coruña e Pontevedra. En concreto, as paradas programadas serán na cidade da Coruña, Santiago de Compostela e o Pazo de Oca, na Estrada.
A proposta é totalmente gratuíta para as persoas participantes e está pensada para promover a conciencia ambiental entre a poboación maior, poñendo o foco na importancia da separación correcta dos residuos, a redución do lixo e o consumo responsable. Ademais, permitirá coñecer de preto o funcionamento dunha das instalacións máis avanzadas de Galicia en materia de xestión ambiental.
Visita a Sogama
Durante a visita a Sogama, incluída en cada unha das tres xornadas, os asistentes poderán asistir a unha charla formativa e participar nunha experiencia inmersiva mediante lentes de realidade aumentada, que lles permitirá coñecer o proceso de tratamento de residuos de maneira interactiva. Tamén se organizará un xogo educativo sobre reciclaxe e unha visita guiada polas instalacións, que inclúe o laboratorio e a sala de control.
Cada unha das excursións completarase cun xantar incluído e unha visita guiada polos lugares máis emblemáticos das diferentes localidades.
Diferentes destinos
Na Coruña, o 4 de novembro, o grupo percorrerá a contorna da Torre de Hércules, o paseo marítimo e o casco histórico. O 11, en Santiago de Compostela, o itinerario incluirá a Praza do Obradoiro, a Catedral e as rúas do centro histórico. Finalmente, o 19, a excursión ao Pazo de Oca permitirá desfrutar dos seus xardíns históricos e do seu patrimonio natural e arquitectónico, coñecido popularmente como o «Versalles galego».
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou que con esta iniciativa «apostamos por actividades que acheguen á cidadanía ao coidado da súa contorna dun xeito práctico e útil. Estas excursións combinan a educación ambiental coa posta en valor do noso patrimonio, ofrecendo unha experiencia completa e enriquecedora».
- Baiona acollerá o próximo sábado o XII Trail Serra da Groba
- «A longo prazo, márcome o obxectivo moi ambicioso de estar en Los Ángeles»
- O Club de Lectura Begoña Gil recibe a Cynthia Menéndez
- Domingo de Samaín en Redondela
- Redondela di «ante a violencia machista, resposta universal»
- Volve o Cocido Cañicense cunha nova semana gastronómica
- Arantei dá a benvida ao viño novo
- Arbo celebra mañá o seu Magosto de exaltación outonal