Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Tui conmemora o Mes da Memoria Democrática

actividades

Homenaxe a Álvarez Blázquez xunto á peza escultórica inaugurada. 
  | // D.P.

Homenaxe a Álvarez Blázquez xunto á peza escultórica inaugurada. | // D.P.

[Tui]

O Concello de Tui comezou a programación do «Mes da Memoria Democrática», unha ampla iniciativa que, ao longo de máis dun mes (novembro e parte do pasado outubro), busca recuperar e poñer en valor a memoria histórica e democrática no municipio tudense.

O programa, que inclúe un total de nove actividades, desenvolverase ata o sábado 29 de novembro, con actos que combinan recoñecementos públicos, conferencias, proxeccións audiovisuais e homenaxes ás vítimas da represión franquista.

A iniciativa, promovida pola Concellería de Ensino, Cultura e Mocidade, conta coa colaboración de diferentes entidades locais e galegas, como a Asociación Levada Libre, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño–Louriña e o Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo. O obxectivo, segundo destacou a concelleira Sonsoles Vicente Solla, é «abrir espazos de reflexión, lembranza e dignificación das persoas que sufriron a represión e contribuíron á defensa dos valores democráticos».

Darío Álvarez Blázquez

O primeiro acto foi unha homenaxe á figura do histórico médico e galeguista Darío Álvarez Blázquez, promovido pola Irmandade Sanitaria Galega (ISAGA) e pola Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística (AFNLG).

O acto contou, entre outros, coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, do secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez, do presidente da AFNLG, Xoaquín Monteagudo, e da representante da ISAGA, Tamara Méndez.

Ao remate do acto descubriuse unha peza escultórica no Paseo da Familia Álvarez Blázquez, que servirá como lembranza permanente deste recoñecido médico e intelectual galeguista, vinculado á defensa da cultura e da lingua galega.

Homenaxe ás vítimas

Esta semana comezou cun acto organizado pola Asociación Levada Libre no que se proxectou o documental «Memorias» realizado por mocidade do IES San Paio no curso 2007-2008, no que reflicten aspectos das realidades sociais, culturais e económicas nas que viven, e coa conferencia «Cartas de republicanos condenados á morte en Tui e o Baixo Miño» a cargo de Xesús Alonso Montero.

Coincidindo co 89 aniversario do fusilamento dun grupo de veciños de Tui na Alameda, o Concello celebrou unha homenaxe ao médico e exalcalde Alejo Diz Jurado, vítima daquela represión.

O acto consisitu na colocación dunha placa conmemorativa na fachada do Centro de Saúde de Tui, e unha ofrenda floral no monumento ás vítimas da represión, obra do escultor Silverio Rivas, situado na Alameda tudense.

Para pechar a xornada, proxectouse o documental «Unha historia galega. Retratos da represión na Galicia de 1936», dirixido por Patrick Seraudy, no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela.

Próximos eventos

O mércores 12 de novembro, ás 19.00 horas, celebrarase unha xornada de estudo sobre a memoria democrática. A conferencia inaugural correrá a cargo do catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, Lourenzo Fernández Prieto, especialista en memoria histórica e procesos represivos do século XX.

Posteriormente terá lugar unha mesa redonda na que participarán recoñecidos investigadores e creadoras como Bieito Alonso, Helena Pousa, Marga do Val e Pepe Cáccamo, entre outros. Esta sesión pretende ofrecer unha visión plural e interdisciplinar sobre a recuperación da memoria, combinando a perspectiva histórica coa literaria e artística.

O Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo asumirá o protagonismo nas últimas semanas do programa, organizando tres actos os xoves 6, 20 e 27 de novembro. As sesións estarán dedicadas á memoria desde diferentes perspectivas: a primeira contará coa participación da xornalista Tereixa Navaza, a segunda co médico e exalcalde Martiño Noriega, e a terceira xirará arredor de «A música en Sobredo», analizando a pegada cultural da loita agraria e da represión no Baixo Miño.

CIII Aniversario

O ciclo culminará o sábado 29 de novembro co CIII aniversario dos Mártires de Sobredo, no monumento erguido en Sobredo–Guillarei, onde se lembrarán os labregos asasinados en 1922 durante a defensa dos seus dereitos fronte aos foros. A homenaxe contará coa intervención da cineasta e académica Margarita Ledo Andión, quen subliñará a importancia de manter viva a memoria colectiva a través da creación audiovisual.

A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, salientou que se trata «dun programa aberto, diverso e participativo, que nace da colaboración entre institucións, entidades e veciñanza de Tui comprometida coa recuperación da nosa historia recente». Vicente Solla destacou ademais que este traballo se inscribe nun proxecto máis amplo que o Concello vén desenvolvendo para declarar diversos espazos do municipio como «Lugares de Memoria Democrática», recoñecendo así os escenarios vencellados á represión e á loita pola liberdade.

O alcalde Enrique Cabaleiro subliñou que «a mellor homenaxe ás vítimas é a defensa activa dos valores democráticos e a posta en valor das persoas que contribuíron a construír unha sociedade máis libre e xusta».

Tracking Pixel Contents