Samaín
Samaín máxico en Baiona
A tradición cobrará vida na carpa municipal o próximo luns
O Samaín deste ano en Baiona prométese longo e moi especial, cun programa pensado para todos os públicos. O Concello organiza o BaiSamaín, con dúas xornadas de actividades de balde, a primeira das cales tivo lugar o día 31. A seguinte será o luns 3 de novembro na carpa municipal, coincidindo coa xornada non lectiva dos máis pequenos.
A proposta busca ofrecer unha alternativa de lecer saudable e familiar, ao tempo que se pon en valor unha tradición antiga e máxica.
O Samaín, de orixe celta, marcaba o fin da colleita e o comezo do inverno, unha noite na que, segundo a crenza popular, se abría a porta entre o mundo dos vivos e o dos mortos.
A cativada de Baiona xa puido disfrutar con photocalls terroríficos, animación musical, xogos, pintacaras, laboratorio de bebidas e moitas outras cousas. O próximo luns 3 de novembro será o «Día de obradoiros de Samaín», cun obradoiro de feltro máxico pola mañá (11:00-14:00) e un de cociña terrorífica pola tarde (17:00).
O alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, destacou que esta programación «mantén vivas as nosas tradicións e fomenta o lecer en familia».
Pola súa banda, a concelleira Ruth Álvarez González subliñou que «a carpa municipal converterase nun espazo cheo de maxia, risas e algún que outro susto simpático».
- Baiona acollerá o próximo sábado o XII Trail Serra da Groba
- «A longo prazo, márcome o obxectivo moi ambicioso de estar en Los Ángeles»
- O Club de Lectura Begoña Gil recibe a Cynthia Menéndez
- Domingo de Samaín en Redondela
- Redondela di «ante a violencia machista, resposta universal»
- Volve o Cocido Cañicense cunha nova semana gastronómica
- Arantei dá a benvida ao viño novo
- Arbo celebra mañá o seu Magosto de exaltación outonal