Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Bibliotecas

O Club de Lectura Begoña Gil recibe a Cynthia Menéndez

Con esta visita concluíron un mes de lecturas en feminino para conmemorar o Día das Escritoras

Xuntanza con Cynthia Menéndez na Bilbioteca ADR Castelao.   | // D.P.

Xuntanza con Cynthia Menéndez na Bilbioteca ADR Castelao. | // D.P.

[Salceda de Caselas]

O pasado sábado celebrouse unha nova sesión do Club de Lectura Begoña Gil na Biblioteca Pública ADR Castelao de Salceda de Caselas. Nesta ocasión, as participantes tiveron a oportunidade de compartir unha agradable tarde coa escritora viguesa Cynthia Menéndez, autora da novela Son coma glaciares os barcos de aceiro.

A xuntanza, que se desenvolveu nun ambiente distendido e participativo, permitiu ás lectoras intercambiar impresións sobre a obra e coñecer de primeira man detalles do proceso creativo da autora. Menéndez respondeu ás preguntas das asistentes sobre a trama, as personaxes e as inspiracións detrás do libro, ademais de compartir algunhas anécdotas persoais relacionadas coa súa experiencia literaria. O encontro rematou coa tradicional sinatura de exemplares e cun animado coloquio no que tanto a escritora como as lectoras destacaron o valor destes espazos de diálogo arredor da literatura.

O Club de Lectura Begoña Gil é unha das iniciativas culturais máis recentes da biblioteca. Formouse no mes de setembro e, en pouco tempo, conseguiu unha ampla acollida: xa conta con máis de corenta persoas inscritas, o que supón un éxito de participación. As sesións, que se celebran de xeito periódico, teñen como obxectivo fomentar o hábito lector e crear un punto de encontro para persoas interesadas na literatura.

O mes pasado, o club escolleu dúas obras escritas por mulleres para comentar, coa vontade do grupo de sumarse á celebración do Día das Escritoras, unha iniciativa que busca dar visibilidade ao talento feminino no ámbito literario.

De cara ao mes de novembro, o club xa anunciou o seu próximo título: Onde nacen as bestas, do tamén vigués Pedro Feijoo. O autor ten previsto achegarse a Salceda para participar nun novo encontro coas lectoras e lectores, continuando así esta dinámica de conversas literarias que tanto éxito está a ter na biblioteca.

Tracking Pixel Contents