O Rosal
Nova edición dos Obradoiros de Outono
Cosmética natural, macramé, acuarela botánica e cestería serán os protagonistas de novembro

Julia de la Cal repetirá impartindo o obradoiro de cestería. | // ADRIANA QUESADA
O Concello do Rosal pon en marcha unha nova edición dos Obradoiros de Outono, cunha programación que se desenvolverá todos os sábados do mes de novembro no Muíño das Aceñas.
Os obradoiros están abertos a toda a veciñanza, aínda que se dará prioridade ás persoas menores de 30 anos. A alcaldesa do Rosal destacou que «programas coma este reflicten o noso compromiso cunha oferta cultural diversa».
O programa arrancará o sábado 8 de novembro cun roteiro de cosmética natural polas Aceñas da man de Biophilia, unha saída que permitirá identificar e coñecer os segredos das plantas e aprender a elaborar con elas produtos de coidado persoal respectuosos co medio ambiente.
A creatividade continuará o 15 de novembro cun curso de macramé impartido por Ana Loredo de Nai Diseños, un taller no que as persoas participantes aprenderán a tecer un bolso cos dedos. O 22 de novembro será a quenda da acuarela botánica, guiada pola artista plástica Gemma Marqués, unha actividade ideal para quen desexe descubrir a beleza da natureza a través da pintura. O ciclo pecharase o 29 de novembro co regreso dun clásico moi demandado: o obradoiro de cestería tradicional, impartido pola recoñecida artesá Julia de la Cal (La Parabólica), gañadora do Premio Artesanía de Galicia 2024, que repetirá tras o éxito da pasada edición.
O concelleiro de Xuventude, Alejandro González, salientou que «o noso obxectivo é ofrecer alternativas culturais e formativas que permitan á mocidade e á veciñanza explorar novas habilidades, desconectar da rutina e divertirse aprendendo».
As actividades impartiranse no Muíño das Acenas e terán un prezo reducido. Toda a información sobre inscricións, horarios e prazas publicarase nas redes sociais e na web municipal nas próximas semanas.
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- Baiona acollerá o próximo sábado o XII Trail Serra da Groba
- «A longo prazo, márcome o obxectivo moi ambicioso de estar en Los Ángeles»
- O Club de Lectura Begoña Gil recibe a Cynthia Menéndez
- Domingo de Samaín en Redondela
- Redondela di «ante a violencia machista, resposta universal»
- Volve o Cocido Cañicense cunha nova semana gastronómica
- Arantei dá a benvida ao viño novo