Educación en valores
Nigrán planta cara ao ‘bullying’ con Iñaki Zubizarreta

Iñaki Zubizarreta, no obradoiro impartido na biblioteca do IES Proval. | // D.P.
Nigrán acolleu esta semana unha nova iniciativa para loitar contra o acoso escolar, un problema que, lonxe de ser alleo, afecta cada vez a máis centros educativos e familias.
O Auditorio Municipal foi o lugar escollido para unha charla de prevención do «bullying» para familias e docentes a cargo de Iñaki Zubizarreta, ex-xogador profesional de baloncesto e un dos activistas máis recoñecidos en España na loita contra este tipo de violencia escolar. Durante a mesma xornada, o deportista tamén mantivo encontros e obradoiros co alumnado do IES Proval. Estas sesións, organizadas pola Biblioteca Escolar do instituto, buscan fomentar o diálogo, a empatía e a conciencia sobre o impacto do acoso escolar entre os máis novos. O departamento foi precisamente quen propuxo ao Concello a visita de Zubizarreta, recoñecendo o valor da súa testemuña como ferramenta pedagóxica. O alcalde de Nigrán, Juan González, subliñou a importancia desta cita como un paso máis no compromiso municipal coa educación e o benestar da infancia: «desgraciadamente é un tema de actualidade e, entre todos os actores implicados, debemos poñer todas as ferramentas ao noso alcance para frealo e erradicalo», afirmou o rexedor.
Superación persoal
A traxectoria de Iñaki Zubizarreta vai moito máis alá das canchas de baloncesto. A día de hoxe, aos 53 anos, este ex-xogador éuscaro que militou como pivote en equipos da ACB como o Cajabilbao, Zaragoza ou Valencia Basket nos anos 90, converteuse nun referente nacional na loita contra o acoso escolar. A súa implicación xorde da súa propia experiencia: sufriu «bullying» extremo cando tiña só 11 anos, ata o punto de estar ao bordo do suicidio e ingresar en coma tras unha brutal malleira propinada polos seus compañeiros de escola.
Aquela vivencia marcou profundamente a súa vida, mais tamén o levou a transformar a dor en compromiso. Dende hai anos percorre centros educativos, universidades e institucións para visibilizar o problema e ofrecer ferramentas de prevención a estudantes, familias e profesorado. A súa mensaxe, aínda que dura, é tamén un canto á esperanza: «do bullying pódese saír, hai boa vida despois do acoso, pero para iso hai que ter as ferramentas axeitadas», asegura.
Zubizarreta insiste na necesidade de romper a «lei do silencio» que adoita acompañar a estas situacións. Para el, a clave está en falar, denunciar e non minimizar ningún indicio de violencia, pois «o «bullyin»’ é ese monstro con cara de neno que esnaquiza infancias, marca vidas e, nos casos máis extremos, pode levar a que nenos e nenas atenten contra si mesmos por non querer sufrir máis».
En 2020, a súa historia foi recollida no cómic «Subnormal, una historia de acoso escolar», con guión de Fernando Llor e ilustracións de Miguel Porto, baixo a supervisión do propio Zubizarreta. A obra, de forte carácter pedagóxico, converteuse nun recurso didáctico moi utilizado en centros educativos de todo o país. A través dela, o exdeportista pretende achegar ao público máis novo unha reflexión profunda sobre as consecuencias do acoso e sobre o valor da empatía e da axuda mutua.
A experiencia de Zubizarreta demostra que o acoso escolar non entende de condicións nin de contornas. A súa gran estatura (mide 2,07 metros), que máis tarde o levaría ao éxito deportivo, foi precisamente un dos factores que o fixeron diferente e que motivaron o rexeitamento dos seus compañeiros cando era un neno.
Hoxe, esa realidade serve de exemplo e advertencia para moitos adolescentes. Nas súas charlas, Zubizarreta combina o relato persoal coa análise social do problema, insistindo en que o acoso é un fallo colectivo que require a implicación de toda a comunidade educativa.
A edil de Educación de Nigrán, Estela Pérez, destacou o valor desta iniciativa e lembrou que a educación vai moito máis alá do rendemento académico, tratándose de «promover o desenvolvemento integral da persoa, incluíndo a dimensión ética, emocional e social. O bullying é a proba dun fallo enorme en todo o sistema que non se pode pasar por alto», explicou.
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- Baiona acollerá o próximo sábado o XII Trail Serra da Groba
- «A longo prazo, márcome o obxectivo moi ambicioso de estar en Los Ángeles»
- O Club de Lectura Begoña Gil recibe a Cynthia Menéndez
- Domingo de Samaín en Redondela
- Volve o Cocido Cañicense cunha nova semana gastronómica
- Arbo celebra mañá o seu Magosto de exaltación outonal
- «Destino, unha peregrinación de Manuel Valcárcel» para en Tui