Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Natalidade

Nacer en Covelo ten premio un ano máis

As familias con menores nados ou adoptados no último ano poderán optar a axudas de natalidade municipais

Acto de entrega de agasallos aos bebés nados en Covelo.  | // D.P.

Acto de entrega de agasallos aos bebés nados en Covelo. | // D.P.

[Covelo]

O Concello de Covelo aprobou as bases reguladoras e a convocatoria das axudas municipais para o fomento da natalidade correspondentes ao ano 2025. Con esta medida, o goberno local busca apoiar ás familias nos primeiros meses de vida das súas fillas e fillos e contribuír a frear o descenso demográfico que afecta especialmente ás zonas rurais.

As axudas, que poderán acadar un máximo de 500 euros por cada menor nado ou adoptado entre o 30 de novembro de 2024 e o 30 de novembro de 2025, están destinadas a facilitar os gastos iniciais derivados do nacemento ou adopción. O Concello destina un orzamento total de 4.000 euros a esta convocatoria, financiado integramente con fondos municipais.

Poderán beneficiarse destas achegas as nais ou pais empadroados en Covelo cunha antelación mínima de nove meses respecto á data do parto ou adopción, sempre que polo menos unha das persoas proxenitoras cumpra este requisito. Ademais, deberán manter o empadroamento durante dous anos tanto eles como os seus fillos ou fillas.

As condicións económicas establecen que a renda familiar non supere os 45.000 euros anuais, ou que a renda per cápita non exceda os 13.500 euros. As persoas solicitantes tamén deberán estar ao corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o venres 5 de decembro de 2025. As solicitudes poderán tramitarse tanto de maneira presencial no Rexistro de Servizos Sociais do Concello de Covelo como a través da sede electrónica municipal.

O alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo Amigo, destacou que esta iniciativa «pretende apoiar ás familias do noso concello e contribuír a fixar poboación, reforzando o compromiso do goberno local co futuro demográfico do municipio». Toda a información sobre as bases, os modelos de solicitude e os anexos está dispoñible na páxina web: www.concellodecovelo.es.

Tracking Pixel Contents