TICS
Os maiores aprenden a usar o móbil en Salvaterra
O obradoiro celebrarase en Salvaterra e Lira o 14 de novembro
O Concello de Salvaterra de Miño, en colaboración coa asociación Secot, pon en marcha dous obradoiros de formación gratuítos para persoas maiores de 60 anos, centrados no uso do teléfono móbil e das novas tecnoloxías de comunicación. A iniciativa desenvólvese dentro do programa «Conectando Maiores», co obxectivo de axudar ás persoas de máis idade a incorporar o manexo de smartphones e tablets na súa vida cotiá como ferramentas de apoio e comunicación.
As sesións terán lugar o xoves 14 de novembro en dúas localizacións. Pola mañá, de 11:00 a 13:00 horas, o curso celebrarase na Aula de Capacitación Dixital da Casa da Cultura de Salvaterra de Miño; e pola tarde, de 16:00 a 18:00 horas, desenvolverase na Casa da Cultura de Lira.
Durante os obradoiros abordarase unha introdución ao uso de teléfonos intelixentes e tabletas con sistema Android, explicando a función das iconas da pantalla, a xestión da axenda de contactos, e o uso da cámara para facer fotos e vídeos. Tamén se ensinará a compartir información, navegar por internet e empregar aplicacións prácticas, como a banca móbil, Bizum ou plataformas de compras en liña.
Outro dos bloques tratará a mensaxería instantánea, con especial atención ao uso de WhatsApp como ferramenta para manter o contacto con familiares e amizades.
Os requisitos para participar son ter 60 ou máis anos e dispor dun teléfono móbil cargado o día do taller. Non se precisan coñecementos previos.
As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a comunicacion@concellodesalvaterra.org ou chamando ao teléfono 986 658 126.
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- Baiona acollerá o próximo sábado o XII Trail Serra da Groba
- «A longo prazo, márcome o obxectivo moi ambicioso de estar en Los Ángeles»
- O Club de Lectura Begoña Gil recibe a Cynthia Menéndez
- Domingo de Samaín en Redondela
- Volve o Cocido Cañicense cunha nova semana gastronómica
- Arbo celebra mañá o seu Magosto de exaltación outonal
- «Destino, unha peregrinación de Manuel Valcárcel» para en Tui