Terror
Domingo de Samaín en Redondela

Sobre estas liñas, un momento do pasarrúas «Errantes». Á esquerda, Rita Pérez e Digna Rivas, na presentación da programación. | // XEAYSA PONTE/D.P
Redondela vivirá mañá un Samaín de medo, unha das citas máis esperadas do outono, cunha programación pensada para todos os públicos que combina tradición, misterio e moita creatividade. Aínda que inicialmente estaba previsto para´este venres, día no que se celebraron algunhas das actividades, o Concello decidiu adiar as actividades en exterior a mañá, domingo 2 de novembro, co fin de garantir o mellor desenvolvemento da festa ante a previsión meteorolóxica.

Domingo de Samaín en Redondela
A alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura, Rita Pérez, presentaron o programa destacando que «o Samaín en Redondela é unha xornada de festa pensada para todas as idades, con propostas que combinan a tradición galega e a maxia do teatro de rúa». Ambas salientaron que todas as actividades son de balde e repartiranse por diferentes espazos do municipio: o Multiúsos da Xunqueira, o Multiúsos de Chapela, o paseo do Pexegueiro e as rúas do centro da vila.
Obradoiros
Os primeiros en gozar do Samaín foron os nenos e nenas de Redondela e Chapela, que participaron nos obradoiros «Fai a túa cabaza» e «Maquillaxe e tatuaxes de terror», que se celebraron o 31 de outubro, entre as 17:00 e as 20:00 horas nos Multiusos da Xunqueira e do Piñeiral.
Nestes talleres, os máis pequenos deixaron voar a súa imaxinación, creando as súas propias cabazas decoradas ou transformándose en criaturas aterradoras coa axuda de profesionais da maquillaxe artística.
Túnel do Terror
Mañá, domingo 2 de novembro, o paseo do río Pexegueiro converterase nun auténtico escenario de pesadelos co Túnel do Terror, que abrirá as súas portas de 18:30 a 21:30 horas. Entre personaxes saídos das sombras, os visitantes poderán mergullarse nun percorrido cheo de sustos, enigmas e sorpresas.
Desde a organización advirten que se trata dunha actividade intensa, recomendada para público a partir dos 12 anos ou menores acompañados dun adulto. Recoméndase acudir cunha lanterna para intensificar a experiencia.
Pasarrúas «Errantes»
Tamén mañá, a partir das 19:30 horas, as rúas do centro da vila converteranse nun escenario máxico e inquietante co pasarrúas «Errantes», da compañía Troula Animación.
A espectacular comitiva partirá da Praza de Ribadavia e percorrerá o centro histórico entre luces, fume e percusión. Orcos, trolls e criaturas das profundidades acompañarán ao misterioso «Orlok», transportado nunha gaiola xigante. O público poderá vivir un desfile cheo de ritmo e efectos visuais, onde o teatro, o lume e a música se combinan para crear unha atmosfera única.
Queimada
A xornada culminará cun dos momentos máis simbólicos do Samaín: o rito ancestral da queimada «Belenus», que terá lugar ás 20:30 horas na Praza do Concello.
Entre fachos, lume e música, bruxas e meigas invocarán aos espíritos para afastar os males e celebrar o poder purificador do lume. O espectáculo mesturará teatro, danza e tradición, ofrecendo ao público unha experiencia visual e emocional chea de paixón e simbolismo.
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- Baiona acollerá o próximo sábado o XII Trail Serra da Groba
- «A longo prazo, márcome o obxectivo moi ambicioso de estar en Los Ángeles»
- O Club de Lectura Begoña Gil recibe a Cynthia Menéndez
- Domingo de Samaín en Redondela
- Volve o Cocido Cañicense cunha nova semana gastronómica
- Arbo celebra mañá o seu Magosto de exaltación outonal
- «Destino, unha peregrinación de Manuel Valcárcel» para en Tui