Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Igualdade

Comeza outra edición de «Baiona Lila»

O programa ofrece un mes de actividades para previr a violencia de xénero

[Baiona]

No marco da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello de Baiona promove «Baiona Lila», unha iniciativa da Concellería de Igualdade que se desenvolverá ao longo de todo o mes de novembro. Combinando música, teatro e formación, fomentarase a igualdade entre mulleres e homes para previr a violencia machista a través de accións de sensibilización.

Boa parte das actividades centraranse nos centros educativos municipais. Esta iniciativa forma parte da convocatoria provincial dirixida aos concellos de menos de 20.000 habitantes para impulsar políticas de igualdade e prevención da violencia de xénero. O proxecto chegará a todos os centros de educación infantil e primaria do municipio.

A narradora Raquel Queizás será a encargada de levar ás aulas o espectáculo «Dámoslle á volta ao conto», no que se desafían os estereotipos de xénero entre o alumnado máis novo. Pola súa banda, Cristina Louzán e Priscila Retamozo impartirán os obradoiros «O arquipélago da igualdade» e «Machismo Game Over», nos que o alumnado de segundo e terceiro de primaria explorará conceptos clave sobre igualdade, corresponsabilidade e bo trato, revisando tamén os roles sexistas desde unha perspectiva coeducativa.

O alumnado de educación secundaria do IES Primeiro de Marzo e do CPI Cova Terreña participará en obradoiros de educación sexual impartidos polo gabinete Amaturi.

A programación que inicia o mes continuará con dúas propostas teatrais no Auditorio V Centenario: o sábado 8 de novembro ás 20.00 horas, a actriz Bea Campos presentará o monólogo «Chegar e Encher», e o domingo 9 ás 17.00 horas, a compañía Ghazafelhos ofrecerá a obra familiar «Travesía Unicornio», unha peza sobre diversidade, igualdade e respecto.

Tracking Pixel Contents