Escénicas
Fin de semana teatral para toda a familia no auditorio de Goián
Hoxe será a quenda de Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, para público adulto

Un intre do espectáculo Reconversión. | // IBUPROFENO TEATRO
Tomiño ofrece esta fin de semana, dentro da programación cultural posta en marcha polo Concello para este outono, un absoluto protagonismo das artes escénicas, que se converterán nas grandes protagonistas do municipio cunha dobre cita que promete provocar reflexión, risas e tenrura a partes iguais.
Hoxe será a quenda do espectáculo Reconversión, da recoñecida compañía Ibuprofeno Teatro. A proposta, dirixida a público adulto, é un exercicio de memoria histórica arredor da reconversión do sector naval na ría de Vigo, un tema que marcou a toda unha xeración. A obra afonda nas vivencias das persoas que sufriron o paro tras o peche da factoría en 1984 e que protagonizaron as mobilizacións históricas dos anos 70 e 80, desde a perspctiva do fillo dun dos traballadores, director, autor e actor no espectáculo. Será ás 21.00 h no auditorio municipal de Goián con entradas a 7 euros.
Xa o domingo 19, o auditorio volverá encherse, esta vez coa maxia do teatro familiar.
Ás 17.30 horas, a compañía Arlequina Festuc Teatre presentará Bunji, la pequeña koala, unha tenra historia sobre unha koala curiosa e inquieta que, tras un feito inesperado, debe afastarse da súa contorna e descubrir o valor da aventura e da amizade. A obra está pensada para público familiar e as entradas custan 5 euros.
As entradas para ambos espectáculos xa se poden mercar a través da aplicación móbil Sporttia. Ademais, para quen o prefira, haberá despacho de billetes presencial desde unha hora antes do inicio de cada función.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou que «o teatro é unha ferramenta fundamental para seguir facendo comunidade, para pensar xuntas e tamén para gozar en familia». Engadiu que «a programación que deseñamos cada tempada é unha aposta firme do Concello por achegar a cultura de calidade a todos os públicos e por seguir convertendo Tomiño nun referente cultural do Baixo Miño».
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- Baiona acollerá o próximo sábado o XII Trail Serra da Groba
- «A longo prazo, márcome o obxectivo moi ambicioso de estar en Los Ángeles»
- O Club de Lectura Begoña Gil recibe a Cynthia Menéndez
- Domingo de Samaín en Redondela
- Volve o Cocido Cañicense cunha nova semana gastronómica
- Arbo celebra mañá o seu Magosto de exaltación outonal
- «Destino, unha peregrinación de Manuel Valcárcel» para en Tui