Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Educación

Salceda fortalece os lazos con Francia a través do Edumob

As tres estudantes francesas de intercambio foron recibidas no Concello

O alumnado de intercambio, na súa recepción por parte da corporación municipal.   | // D.P.

O alumnado de intercambio, na súa recepción por parte da corporación municipal. | // D.P.

[Salceda de Caselas]

A alcaldesa de Salceda de Caselas, Loli Castiñeira, e a concelleira de Ensino, Selene González, recibiron recentemente na Casa do Concello ás tres estudantes procedentes de Francia que participan no programa Edumob, unha iniciativa educativa que se desenvolve no IES Pedras Rubias e que chega este ano á súa terceira edición consecutiva.

O programa, impulsado pola Xunta de Galicia e desenvolvido en colaboración con centros de ensino da Région Académique de Grand Est, ten como principal obxectivo mellorar as competencias comunicativas do alumnado galego na lingua francesa, ao tempo que fomenta a convivencia, a inmersión cultural e o intercambio de experiencias educativas entre estudantes de ambos territorios.

As mozas que participan nesta nova edición son Leonor e Anaé, do Lycée Jean Lurçat de Bruyeres, e Jules, do Lycée Claude Gellée de Épinal, tamén pertencente á rexión de Grand Est. Durante estas semanas, as estudantes francesas conviviron con familias salcedás, que exercen un papel fundamental neste proxecto de intercambio en réxime de reciprocidade, ofrecendo acollida, apoio e inmersión na vida cotiá galega.

A súa estadía en Galicia, que rematou onte, permitiu ás visitantes coñecer de preto o funcionamento do sistema educativo galego, mellorar o seu dominio da lingua española e compartir experiencias co alumnado do IES Pedras Rubias. Ademais, as actividades programadas inclúen visitas culturais, encontros institucionais e participación en clases e proxectos conxuntos co estudantado local.

Pola súa banda, o alumnado galego participante terá a oportunidade de viaxar a Francia entre o 3 e o 28 de novembro de 2025, onde será recibido polas familias das súas compañeiras e compañeiros franceses. Esta segunda fase do intercambio permitirá completar a experiencia educativa, promovendo o contacto directo coa cultura, a lingua e o modo de vida francés, así como o fortalecemento de lazos de amizade e colaboración internacional.

Durante a recepción oficial no Concello, a alcaldesa Loli Castiñeira destacou a importancia deste tipo de iniciativas «que abren as portas do mundo ao noso alumnado e contribúen a formar unha cidadanía máis aberta, competente e preparada para o futuro». Pola súa parte, a concelleira de Ensino, Selene González, subliñou «o esforzo e compromiso tanto do profesorado do IES Pedras Rubias como das familias acolledoras, que fan posible un proxecto tan enriquecedor como o Edumob».

A administración local transmitiu tamén o seu recoñecemento ás familias participantes pola súa implicación e acollida, ao persoal docente do IES Pedras Rubias pola súa dedicación, e á Xunta de Galicia pola financiación e apoio institucional ao programa. Especialmente, Castiñeira felicitou ao alumnado participante, valorando o seu esforzo e motivación por acadar mellores resultados académicos e lingüísticos.

En palabras da alcaldesa, proxectos coma este «amosan que a educación é o mellor vehículo para tender pontes entre pobos, linguas e culturas».

Tracking Pixel Contents