Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Comunidade

O XVIII Serán da Colleita de Parderrubias enche corazóns

O encontro reuniu xeracións arredor da memoria compartida

Entrega do Premio Veciño Honorábel 2025 a Salvador González Estévez.   | // D.P.

Entrega do Premio Veciño Honorábel 2025 a Salvador González Estévez. | // D.P.

[Salceda de Caselas]

O auditorio de Parderrubias encheuse co XVIII Serán da Colleita, organizado pola Asociación de Veciños San Tomé.

O evento, xa consolidado como unha das citas máis queridas do calendario local, destacou polo seu ambiente de emoción, polo seu compromiso coa tradición galega e pola súa capacidade para unir á veciñanza nun espazo de encontro e memoria común.

A presidenta da Asociación de Veciños destacou na clausura «o agarimo e a devoción» con que se prepara cada edición, subliñando que o serán é «un reflexo do que somos cando traballamos xuntos, cando poñemos en común o que temos e o que somos».

Homenaxe

O momento máis emotivo da xornada chegou coa estrea do vídeo «Que podemos aprender dos avós?», unha peza audiovisual froito dun proxecto interxeracional que reuniu cativada, mocidade e persoas maiores arredor das lembranzas e afectos compartidos. A produción, realizada por Marco Romero Lemos, contou co apoio da Asociación de Veciños San Tomé de Parderrubias e da Asociación Xuvenil San Amaro, e foi subvencionada pola Deputación de Pontevedra dentro dun programa que promove tamén a formación dixital dos maiores.

O público respondeu con aplausos prolongados a este tributo á sabedoría e á voz das xeracións que mantiveron viva a tradición parroquial.

Recoñecemento

Outro dos momentos destacados da velada foi a entrega do Premio Veciño Honorábel 2025, que nesta edición recaeu en Salvador González Estévez, veciño da Revolta de 93 anos e socio da asociación dende hai máis de dúas décadas. O galardón quere recoñecer o compromiso e a dedicación de persoas que, co seu exemplo, axudan a fortalecer o tecido comunitario e a conservar o espírito solidario de Parderrubias.

Na súa intervención, a presidenta da asociación subliñou que «a confianza e a colaboración da veciñanza son fundamentais para que iniciativas como esta sigan medrando». Engadiu tamén que «este vídeo e este premio son máis ca símbolos: son a proba de que a nosa parroquia ten futuro porque ten memoria».

A programación do serán completouse coa xa clásica Exposición da Colleita, unha mostra de instrumentos tradicionais galegos e ferramentas do campo que atraeu o interese de maiores e pequenos.

A música correu a cargo do grupo mozo SDS (Somos de Salceda), que puxo ritmo e alegría a unha noite festiva que continuou coa actuación de varios grupos da contorna. Como é tradición, non faltaron os pinchos de chourizo e orella, acompañados dun chocolate quente, que serviron para pechar a celebración nun ambiente de amizade.

Tracking Pixel Contents