Produción
O Porriño leva o audiovisual galego ás aulas de Primaria
O CEIP Xosé Fernández López acolleu a primeira das sesións de «O oficio de producir»

Un intre de «O oficio de producir» nas aulas do Porriño. | // D.P.
O CEIP Plurilingüe Xosé Fernández López converteuse este luns no punto de partida do programa «O Oficio de Producir», unha iniciativa posta en marcha polo Servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra en colaboración coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI). O proxecto, que visitará seis concellos da provincia ao longo do mes de outubro, pretende achegar o audiovisual galego ao alumnado de Primaria e mostrar o potencial deste sector como campo profesional e como ferramenta pedagóxica.
O acto inaugural contou coa presenza do alcalde do Porriño e deputado provincial, Alejandro Lorenzo, quen destacou o papel da cultura como «base para unha educación moderna, integradora e conectada coa realidade do país».
Tamén asistiu á sesión o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Bienvenido Estévez, xunto con membros do claustro do CEIP Xosé Fernández López e representantes do equipo organizador do programa.
A primeira sesión estivo a cargo de Alba Prol, produtora executiva da compañía Meteórica e directora da serie documental internacional O gran Camiño. A profesional explicou ao alumnado, a través dunha presentación participativa e adaptada á súa idade, como se produce unha serie documental desde a idea inicial ata a súa emisión. Durante o encontro compartiu tamén experiencias e anécdotas do seu traballo na televisión, amosando a variedade de perfís profesionais que participan na creación de contidos audiovisuais, desde guionistas e cámaras ata técnicos de son, montadores ou produtoras executivas.
Segundo destacou Prol, «o audiovisual é un traballo de equipo que combina creatividade, tecnoloxía e comunicación», e resulta fundamental que as novas xeracións coñezan as oportunidades que ofrece este sector en Galicia.
A actividade desenvolveuse de maneira dinámica, con preguntas, exemplos visuais e fragmentos de series e documentais galegos. O alumnado puido descubrir como os contidos audiovisuais poden servir tamén para aprender historia, xeografía, lingua galega ou valores sociais, e como a creación de imaxes e historias pode contribuír a reforzar a identidade cultural e o coñecemento do territorio.
«O Oficio de Producir» é un proxecto que se desenvolverá durante o mes de outubro en seis concellos da provincia de Pontevedra. Tras esta primeira parada no Porriño, as seguintes sesións celebraranse en Mondariz-Balneario, Poio, Meaño, A Guarda e Gondomar, con participación de diferentes profesionais do sector audiovisual galego, como Simone Saibene, Dani Froiz, Gael Herrera, Mercedes García-Nieto, Mónica Hidalgo ou Álvaro Becerra.
Cada un deles achegará ao alumnado a súa experiencia e visión persoal sobre o traballo nas produtoras, o proceso creativo e o papel da industria galega no panorama audiovisual actual. O obxectivo é despertar vocacións e mostrar que en Galicia se fai cine, televisión e contido dixital de calidade, con proxección internacional e cunha base profesional sólida.
Ademais das sesións formativas, o programa permitirá que os centros educativos participantes empreguen fragmentos de películas, series e documentais galegos como recursos didácticos, favorecendo así unha aprendizaxe máis atractiva e próxima á realidade do alumnado.
A Deputación de Pontevedra e AGAPI subliñan que esta iniciativa responde á vontade de integrar a cultura no modelo educativo como elemento vertebrador do coñecemento e da identidade. A través da creación audiovisual, o alumnado pode comprender mellor o territorio, os seus valores e a súa lingua, ao tempo que se familiariza cun sector profesional en expansión.
O entusiasmo mostrado polo alumnado do CEIP Xosé Fernández López na xornada inaugural confirma o acerto da iniciativa, que combina aprendizaxe, diversión e descubrimento.
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- Baiona acollerá o próximo sábado o XII Trail Serra da Groba
- «A longo prazo, márcome o obxectivo moi ambicioso de estar en Los Ángeles»
- O Club de Lectura Begoña Gil recibe a Cynthia Menéndez
- Domingo de Samaín en Redondela
- Volve o Cocido Cañicense cunha nova semana gastronómica
- Arbo celebra mañá o seu Magosto de exaltación outonal
- «Destino, unha peregrinación de Manuel Valcárcel» para en Tui