Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Deporte

O Campionato Europeo de Surf Adaptado axita o mar de Patos

70 surfistas de elite de 10 países de Europa compiten coas súas seleccións

Os surfistas con mobilidade reducida entran no mar en cadeiras especiais.   | // D.P.

Os surfistas con mobilidade reducida entran no mar en cadeiras especiais. | // D.P.

[Nigrán]

O Concello de Nigrán vive un fito deportivo sen prendecentes ao acoller o Campionato de Europa de Surf Adaptado en Patos desde este mércores e ata hoxe (con posibilidade de estenderse ata mañá se hai que trasladar algunha proba). A inauguración tivo lugar co desfile dos 70 deportistas representantes das 10 mellores seleccións de toda Europa (España, Francia, Italia, Portugal, Reino Unido, Suíza, Alemaña, Dinamarca, Países Baixos e Reino Unido).

A competición internacional chega ao municipio tras ter sido sede durante 4 anos consecutivos do campionato de España e é posible grazas ao traballo conxunto da Federación Española e Galega de Surf xunto a todas as administracións (Concello, Deputación e Xunta), a Fundación Bimba y Lola e o clube nigranes Quenlla, único en Galicia adicado á diversidade.

Os mellores deportistas paralímpicos do continente participan clasificados entre as 8 divisións oficiais recoñecidas pola International Surfing Association (ISA) según o tipo de discapacidade: stand, kneel, prone, con discapacidade visual e máis. Francia e España, con gran traxectoria no parasurf, son os únicos países que acuden con todos os equipos completos, polo que son os que máis aspiran ao podio. Na selección española destaca o único representante galego, Dani Souto, cego dun ollo e actual campión de Europa en categoría V2 que busca revalidar o título, ou a supermedallista Sarah Almagro, surfista malagueña tetrapléxica con titulos mundiais e europeos en categoría Prone 2.

«Non podemos estar máis orgullosos de que Nigrán, grazas a praia de Patos, se sitúe no mapa mundial como un lugar sinónimo de inclusión, estamos realmente emocionados de acoller este evento. Este é o Nigrán para todos ao que sempre nos referimos», indica o alcalde, Juan González, quen fixo coincidir esta proba coa «Copa Concello de Nigrán de Surf adaptado» celebrada o martes e destinada neste caso a deportistas de toda a comarca con diversidade cognitiva. «Somos un exemplo en políticas de accesibilidade universal grazas ao asesoramento do grupo de expertos de «Un Nigrán para todos» e agora unha referencia internacional en surf adaptado grazas á sensibilidade das nosas escolas de surf. Esta é a mellor imaxe que podemos exportar do noso municipio e non se limita a un día, se non a todo o ano», subliña.

«Trátase da gran cita do surf inclusivo en Europa, que pon en valor a capacidade, o esforzo e o talento dos deportistas, ademais de reforzar o papel de Galicia como sede internacional de grandes eventos deportivos; unha oportunidade para vivir o parasurfing en primeira liña, celebrar a inclusión e gozar do deporte nunha contorna natural incomparable», sinala Román Díez, presidente da Federación Española e quen destaca a valía dos deportistas participantes.

«É un reto para Nigrán e afrontámolo coa máxima ilusión, queremos ofrecer a nosa mellor imaxe, que se sintan queridos e arroupados, por iso animamos á cidadanía a que veña a Patos porque recibirán unha lección de vida e de superación incribles», reflexiona González. «O deporte trasmite valores como o sacrificio, tesón, constancia... e no caso do adaptado máis» engade Luis Pena.

O esencial auxe do deporte adaptado

O deporte adaptado vive un momento de crecemento sen precedentes.

Cada vez máis clubs, federacións e institucións apostan por ofrecer espazos inclusivos onde persoas con discapacidade poidan practicar actividade física en igualdade de condicións.

Disciplinas como o baloncesto en cadeira de rodas, a natación, o atletismo ou o piragüismo contan con deportistas galegos que destacan a nivel estatal e internacional. A mellora das instalacións e o aumento de programas escolares de sensibilización contribúen a romper barreiras e prexuízos. Ademais, os éxitos acadados en competicións paralímpicas están a inspirar ás novas xeracións.

O deporte adaptado está a demostrar nos últimos anos a súa calidade e competitividade, alén de promover valores de superación, compañeirismo e inclusión plena que trascenden o ámbito das persoas que o practican.

Tracking Pixel Contents