Nigrán acolle o Consello Autonómico da Infancia
mocidade
activa

Rapazada participante no grupo Xeración Xa!, en Nigrán. | // D.P.
A Xeración Xa!, o órgano de participación infantil e xuvenil do Concello de Nigrán, exerce por primeira vez de anfitrioa no IV Consello Autonómico de Consellos Locais da Infancia e Adolescencia, que se celebra esta fin de semana na Residencia de Tempo Libre de Patos, a instancias de Unicef. O evento reunirá a preto de medio cento de cativada e adolescencia de toda Galicia, que abordarán a temática dos dereitos dixitais, escollida pola organización internacional como eixo de debate nesta edición bianual.
Durante dous días, a rapazada participante compartirá reflexións, actividades e espazos de lecer, coa finalidade de achegar propostas concretas que serán presentadas o domingo ao mediodía ante o alcalde de Nigrán, representantes da Xunta de Galicia e de Unicef.
O Consello Autonómico de Consellos Locais da Infancia e Adolescencia é unha iniciativa de Unicef que busca crear un espazo de diálogo e participación directa para a mocidade galega. Nel, a cativada ten a oportunidade de expresar as súas opinións, intercambiar experiencias e facer chegar ás administracións as súas demandas sobre cuestións que afectan á súa vida cotiá.
Dereitos dixitais
Nesta cuarta edición, a atención céntrase nos dereitos dixitais, un ámbito de especial relevancia na actualidade, onde as novas tecnoloxías e o acceso a internet forman parte esencial da vida dos máis novos. O obxectivo é promover unha reflexión colectiva sobre como garantir un uso seguro, responsable e equitativo das ferramentas dixitais, asegurando que os dereitos fundamentais da infancia se manteñan tamén no entorno virtual.
A temática elixida para esta edición conecta directamente coa realidade diaria da cativada. A tecnoloxía ocupa un espazo crecente nas súas vidas, e garantir un uso seguro e responsable é un desafío compartido entre familias, escolas e administracións.
A reflexión promovida por Unicef busca que sexan as propias crianzas quen identifiquen riscos e oportunidades asociados ao mundo dixital, expresando que tipo de medidas consideran necesarias para protexer os seus dereitos sen limitar a súa liberdade. O debate sobre cuestións como a privacidade, a seguridade en liña, o acceso equitativo á información ou o impacto das redes sociais formará parte das conversas desta fin de semana en Patos.
A Xeración Xa!, que representa ao Concello de Nigrán neste foro, participa con seis voceiros que compartirán experiencias e propostas co resto dos asistentes. Ademais, no encontro estará presente mocidade pertencente ao Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA), un órgano que tamén conta con representación nigranesa grazas á participación de Cayetana Guede (IES Val Miñor) e Carmen Vázquez (CEIP Humberto Juanes).
Programa
O programa da fin de semana combina espazos de traballo con actividades lúdicas e de convivencia. Durante o día de hoxe e a mañá do domingo, a cativada participará en diferentes «scape-rooms» temáticos sobre os dereitos dixitais, dinámicas pensadas para fomentar a cooperación, o pensamento crítico e a aprendizaxe activa.
A organización tamén reservou tempos para o ocio, co obxectivo de fortalecer os lazos entre participantes de distintos municipios e crear un ambiente de confianza. Entre as actividades previstas figura o espectáculo do ilusionista Xulio Merino, ofrecido polo Concello de Nigrán como parte do programa cultural do encontro.
O punto culminante da fin de semana será o acto de clausura do domingo ao mediodía, cando os grupos presentarán as súas conclusións e propostas ante representantes institucionais. Este momento simboliza o compromiso de dar voz efectiva á infancia nas políticas públicas, un dos principios fundamentais do programa «Cidades Amigas da Infancia» de Unicef.
O Concello de Nigrán foi recoñecido por Unicef no último ano como «Cidade Amiga da Infancia», un distintivo que recoñece o esforzo continuado das administracións locais por incorporar a perspectiva da infancia nas súas políticas. Este recoñecemento chega tras varios anos de traballo orientado a garantir que as voces, necesidades e prioridades da cativada sexan tidas en conta dun modo real e medible nas decisións municipais.
O alcalde de Nigrán, Juan González, manifesta que «desde o Concello de Nigrán estamos moi orgullosos de contar cunha mocidade comprometida e participativa que nos permite construír un municipio de verdade amigo da infancia». Subliña tamén o valor que achega a participación infantil á gobernanza local, xa que «grazas a eles podemos deseñar as políticas culturais, sociais ou medioambientais que deciden, sen imposicións desde un punto de vista só adulto», engade.
Xeración Xa!
A Xeración Xa! naceu como órgano de participación municipal para ofrecer un espazo estable onde a rapazada de Nigrán poida expresar as súas opinións e propoñer iniciativas. Está composta por cativada de diferentes centros educativos do municipio e reúnese mensualmente durante o curso escolar.
A partir destas asembleas xorden propostas concretas que se trasladan directamente ao goberno local, permitindo que as decisións municipais se baseen nas achegas dos máis novos. Un exemplo destacado deste proceso foi a creación dos campamentos artísticos de verán, unha idea impulsada pola propia Xeración Xa! e materializada polo Concello.
A estrutura aberta do consello garante a participación de calquera persoa moza interesada. Calquera menor da localidade pode solicitar unirse a este órgano de consulta e deliberación.
- Baiona acollerá o próximo sábado o XII Trail Serra da Groba
- «A longo prazo, márcome o obxectivo moi ambicioso de estar en Los Ángeles»
- O Club de Lectura Begoña Gil recibe a Cynthia Menéndez
- Domingo de Samaín en Redondela
- Redondela di «ante a violencia machista, resposta universal»
- Volve o Cocido Cañicense cunha nova semana gastronómica
- Arantei dá a benvida ao viño novo
- Arbo celebra mañá o seu Magosto de exaltación outonal