«A longo prazo, márcome o obxectivo moi ambicioso de estar en Los Ángeles»
«Se os clubes se abren, e ven que poden vivir adestrando a xente con e sen discapacidade, chegaremos a un punto de comuñón entre todos, que é o que eu entendo por inclusión»

Juan Ferrón, na piscina municipal de Mos onde comezou a nadar. | // D.P.
Laura Porto
Juan Ferrón (Vigo, 2003) vén de acadar a prata na proba de relevos, no Campionato do Mundo de Natación Adaptada en Singapur.
Malia ter que nadar cunha lesión no costado que lle causaba unha dor incapacitante, o deportista acadou o segundo posto en relevos, e un quinto posto na súa especialidade, 100 mariposa.
Falamos con el na Piscina Municipal de Mos, na que comezou a nadar no 2017, nos días previos ao seu regreso ao Centro de Alto Rendemento (C.A.R.) de Madrid, onde adestra actualmente.
-Que tal leva o de ser subcampión do mundo?
A verdade é que é unha pasada. Non só por ser subcampión do mundo, senón porque fixemos o récord de Europa, que era a segunda mellor marca da historia; só superados polos primeiros, que foron Brasil, que o fixeron moi ben. Agora é moi fácil dicilo, pero eu creo que estando ben podería ter remontado os 2 segundos que nos sacaron. Pero sempre digo que levo un recordo moi bonito de escoitar o himno de Brasil no podio.
-Cando comezou a facer deporte?
Os meus pais sempre me enfocaron a facer moitos deportes. De cativo fixen fútbol, baloncesto... Fun a moitos partidos de balonmán porque os meus pais foron balonmanistas, a miña nai chegou a primeira nacional.
Tamén fixen voleibol e acabei facendo baile deportivo. En baile deportivo, precisamente no pavillón Óscar Pereiro de Mos, que está en fronte da piscina, viña a adestrar todos os días. A miña nai, por casualidade, viu que había unha competición de natación para non federados, e anoteime. Nin sequera sabía facer a viraxe (que é a voltereta que se fai para saír cara ao outro lado), o que facía era tocar e dar a volta. Quedei terceiro, viume o que agora é adestrador do Club Natación Mos, e convidoume a ir a probar. Isto foi na tempada 2017-2018. Na tempada 2018-2019 comecei só con natación, e xa facía as mínimas para o campionato galego sen discapacidade da miña categoría. O presidente co Club Natación Mos díxome que existía unha natación adaptada, que era para persoas con discapacidade. Así que fomos probar.
Viume o que é agora o meu adestrador en Madrid, que é o seleccionador español, José Luis Vaquero, e levoume ao meu primeiro campionato internacional.
-Semella que o adestrador do Club Natación Mos é moi importante na súa carreira.
Si, ao final é quen me ensinou todo o que ten que ver coa natación competitiva, e o que fixo que todo este mundo fora algo impactante na miña vida. Sempre estarei en débeda con el.
-Como foi competir lesionado?
Tiven un verán moi complicado. En maio, por coller demasiado peso no ximnasio, tiven o ombro esquerdo bastante tocado. Estiven todo xuño parado. En xullo comecei de novo con moi boas sensacións, e a tres semanas de viaxar a Singapur apareceume unha molestia no costado, que resultou ser unha inflamación no periostio, que facía que calquera variación do tronco nadando me dera un pinchazo que me deixaba sen respiración.
Débolle ao meu adestrador de Madrid que con tres adestramentos fortes, puiden competir no Mundial; primeiro na proba individual e logo no relevo, que é onde saiu ben e débolle todo aos integrantes do relevo. O resto de probas nadeinas por ética, non me doía e por iso non me desapuntei, pero obviamente non levaba a preparación que requiren.
-Mesmo así, acadou moi bos resultados.
No 100 mariposa conseguín un 5º posto, nadando dúas veces no récord de España da categoría S 12. Pero a miña mellor marca é 58:52, e no Mundial fixen 59:65 pola mañá e 59:59 pola tarde.
-Como recibe o seu cambio á categoría S12?
É xusto. Eu vexo polo ollo esquerdo, polo dereito non. Na auga adestro a ritmo propio, porque compito mirando ao chan. Se me poño a ver aos contrincantes, perdo tempo. É unha categoría moi dura e teño gana de demostrar nela o nivel ao que estou.
-Cales son os seus próximos obxectivos?
A curto prazo, a natación busca o rendemento individual: en calquera tipo de competición, buscar a túa mellor marca. A medio prazo, en xullo temos Campionato de Europa.
A longo prazo, márcome o obxectivo moi ambicioso de estar en Los Ángeles, con todo o que xa aprendín en París e coa experiencia dos tres anos que quedan. Creo que será algo importante e impactante, e que teremos moi bos resultados. Chegarei alí con 25 anos, que en teoría é o pico de forma.
-Que é o maís duro de ser un deportista de alto rendemento?
Marcar unha rutina e saber que todas as semanas van ser iguais. Chegar cada día canso ao meu cuarto. Sacrificar o non ver á familia, non ver amigos, ou ter que facerme outra vida, sacrificando moitas cousas que un rapaz de 22 anos faría. E logo cousas inxustas, como o que me pasou a min coa lesión. A min, a segunda semana, os médicos dicíanme que non ía poder nadar en plenas condicións no Mundial, pero eu empeñeime.
- Non se lle fan duras as expectativas dos demais sobre vostede?
Eu teño unha psicóloga no comité paralímpico, que se chama Manuela, estou moi contento con ela; e sempre lle digo que para min non son unha mochila, senón unha motivación. Teño un grandísimo adestrador, un grandísimo equipo médico e de psicólogos... O meu entorno é boísimo. Teño todas as características para conseguir os meus obxectivos.
- Como ve a situación actual do deporte adaptado?
A nivel internacional todo se está complicando. Cada vez o nivel é máis alto, e iso é bo. A nivel nacional, grazas a diferentes medidas, o deporte está a evolucionar e a discapacidade non se está a ver como un hándicap. A nivel galego, na natación somos poucos, ogallá poidamos ser máis. Eu tento facer ver á xente que tendo discapacidade podes competir contra nadadores convencionais, pero estaría moi ben ser como outras comunidades, que teñen campionatos autonómicos de natación adaptada. Mentres tanto, tócanos facer ver que o deporte con discapacidade tamén é deporte, e aumentar o número de persoas que o practican.
Se os clubes se abren, e ven que poden vivir adestrando a xente con e sen discapacidade, chegaremos a un punto de comuñón entre todos, que é o que eu entendo por inclusión.
- As mulleres cazadoras protagonizan unha xornada simbólica
- Baiona acollerá o próximo sábado o XII Trail Serra da Groba
- «A longo prazo, márcome o obxectivo moi ambicioso de estar en Los Ángeles»
- O Club de Lectura Begoña Gil recibe a Cynthia Menéndez
- Domingo de Samaín en Redondela
- Volve o Cocido Cañicense cunha nova semana gastronómica
- Arbo celebra mañá o seu Magosto de exaltación outonal
- «Destino, unha peregrinación de Manuel Valcárcel» para en Tui