Relixión
A Cañiza celebra a súa patroa despedindo ao párroco
A misa solemne marcou o adeus de don Miguel Ángel Castro tras 19 anos de servizo
A Cañiza celebrou esta semana a festividade da súa Patroa, Santa Teresa de Xesús, cunha Misa Solemne no Templo Parroquial. O oficio, presidido polo párroco Don Miguel Ángel Castro Quinteiro, serviu tamén como acto de despedida do sacerdote logo de 19 anos de entrega á comunidade cañicense. Ao rematar a misa realizouse a tradicional procesión polas rúas da vila.
O alcalde da Cañiza, Luis Piña, aproveitou esta data tan sinalada para felicitar aos veciños e lembrar a longa vinculación da localidade coa Santa abulense. A devoción por Santa Teresa remóntase a máis de dous séculos, desde que en 1815 o Bispo de Tui, Juan García Benito, decretou a creación da Parroquia da Cañiza, designándoa como Titular e Patroa.
O actual Templo Parroquial celebrou o seu centenario no 2002 cunha peregrinación da imaxe da Santa ao Santuario da Franqueira. No seu interior consérvanse dúas reliquias de Santa Teresa, traídas en 1979 desde Ávila: un anaco da madeira que usaba como almofada e un pedazo da tea da exhumación do seu corpo.
Este ano a celebración tivo un ton especialmente emotivo pola despedida pastoral de Don Miguel Ángel. A partir do 19 de outubro, asumirá a parroquia Don José Manuel Pereira Vidal.
- Baiona acollerá o próximo sábado o XII Trail Serra da Groba
- «A longo prazo, márcome o obxectivo moi ambicioso de estar en Los Ángeles»
- O Club de Lectura Begoña Gil recibe a Cynthia Menéndez
- Domingo de Samaín en Redondela
- Redondela di «ante a violencia machista, resposta universal»
- Volve o Cocido Cañicense cunha nova semana gastronómica
- Arantei dá a benvida ao viño novo
- Arbo celebra mañá o seu Magosto de exaltación outonal