Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Lectura

A Biblioteca Xela Arias de Chapela celebra vinte anos

O centro conmemora a efeméride cun concerto de Os Carunchos e outras iniciativas

Rita Pérez. Juan de Os Carunchos, Digna Rivas e María José Villar.   | // D.P.

Rita Pérez. Juan de Os Carunchos, Digna Rivas e María José Villar. | // D.P.

D.P.

[Redondela]

A Biblioteca Municipal de Chapela, hoxe coñecida como Biblioteca Xela Arias, cumpre vinte anos de vida convertida nun referente cultural e veciñal da parroquia. Inaugurada en abril de 2005 no Multiusos do Piñeiral do Crego, o centro celebrou ao longo deste ano diferentes actividades para conmemorar o seu 20º aniversario, cunha programación que culminará este venres 24 de outubro, coincidindo co Día das Bibliotecas, cun concerto do histórico grupo Os Carunchos.

A biblioteca abriu as súas portas con 3.000 volumes, froito dun fondo inicial achegado pola Xunta de Galicia e pola Asociación de Veciños de Chapela, que xogou un papel esencial na posta en marcha do proxecto. A través dunha intensa campaña de recollida de doazóns, conseguiron sumar libros procedentes de editoriais, institucións e organismos diversos. Ademais, o novo espazo contou dende o inicio con oito equipos informáticos, que permitiron ofrecer acceso gratuíto a internet nun momento no que ese servizo era aínda unha novidade.

Dende entón, o centro evolucionou da man da cidadanía, adaptándose aos novos tempos e consolidándose como un espazo de cultura, aprendizaxe e convivencia. A biblioteca conta hoxe con 17.000 volumes e preto de 2.500 persoas usuarias, que acoden tanto para ler e estudar como para participar nas moitas actividades que se organizan ao longo do ano.

Entre esas propostas destacan os obradoiros, charlas, presentacións de libros, narracións orais e concertos, así como as colaboracións cos centros educativos da parroquia. O labor de animación á lectura foi un dos piares do éxito do servizo, que soubo atraer a públicos de todas as idades: familias, estudantes, persoas maiores e tamén cidadáns con necesidades especiais.

Dende 2017, a Biblioteca Xela Arias forma parte da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, o que lle permite acceder a novos recursos e fortalecer a súa programación cultural.

Un nome con historia

En 2018, tras unha consulta aberta á cidadanía, o centro adoptou o nome de Xela Arias en homenaxe á escritora, tradutora e mestra, que impartiu clases no instituto de Chapela. É, ata o momento, a única biblioteca de Galicia que leva o seu nome.

O recoñecemento á autora consolidouse en 2021, cando se lle dedicou o Día das Letras Galegas. Aquel ano, a biblioteca foi distinguida co Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia grazas a un proxecto que difundía a figura e a obra da autora de Denuncia do equilibrio.

Vinte anos de comunidade

As celebracións do 20º aniversario están centradas en poñer en valor a participación veciñal e o talento local. Entre as iniciativas desenvolvidas destacan o ciclo «Aquí si hai quen escrib»”, que dá visibilidade ás creacións literarias das persoas usuarias; «Contos da veciñanza», no que familias da contorna se converten en contacontos para o público infantil; e o «Reto RadioLector», que leva recomendacións de lectura á Radio Municipal de Redondela.

Como colofón, este venres 24 de outubro, coincidindo co Día das Bibliotecas, celebrarase un concerto especial de Os Carunchos no auditorio do Piñeiral do Crego, con entrada de balde. O grupo presentará o seu libro-disco Unha gorxa chea de paxaros, un tributo ao poeta Manuel María que combina música e poesía nunha homenaxe á palabra viva.

Tracking Pixel Contents