Deportes acuáticos

Verán baixo a auga en Covelo

O concello promove actividades na piscina municipal para persoas adultas e rapazada

Piscina municipal de Covelo.   | // D.P.

Piscina municipal de Covelo. | // D.P.

LARA R. Mira

[Covelo]

A Piscina Municipal do Concello de Covelo anuncia a súa apertura para o vindeiro 1 de xullo. A apertura prodúcese tralas obras de mellora nas instalacións que consistiron na impermeabilización do vaso, a renovación integral do azulexo e o arranxo e pintado de rúas.

A piscina abrirá en horario continuado de 12:00 a 20:00 horas, ofrecendo un espazo de lecer e benestar para a veciñanza e turistas durante a tempada estival.

Do mesmo xeito, o Concello recupera, ao igual que cada verán, o seu programa de actividades deportivas. O obxectivo é fomentar o exercicio físico e a vida activa entre a veciñanza, promovendo ao tempo hábitos saudables e o uso das instalacións municipais.

Así, no mes de xullo a actividade prevista será ximnasia acuática para persoas adultas e no canto do mes de agosto haberá natación para nenos e nenas nos niveis de iniciación e perfeccionamento e natación para persoas adultas.

A actividade de ximnasia acuática realizarase os luns, mercores e venres entre o 1 e o 31 de xullo. O grupo será dun máximo de 15 persoas e o horario será de 12:15 a 13:15 horas.

O grupo de natación para nenos e nenas está destinado á rapazada que se inicia no mundo da natación, nada entre o 2011 e o 2020. A actividade desenvolverase os martes e os xoves do mes de agosto en grupos máximos de 7 persoas. Os horarios serán de 12:15 a 12:45 horas, de 12:45 a 13:15 horas e de 13:15 a 13:45 horas.

O grupo de perfeccionamento terá a súa quenda os luns, mércores e venres do mes de agosto. Os grupos serán máximo de 12 persoas e haberá tres roldas: de 12:15 a 12:45 horas, de 12:45 a 13:15 horas e de 13:15 a 13:45 horas.

Por último, o grupo de natación para adultos terá lugar os luns, mércores e venres de agosto en horario de 12:15 a 12:45 horas e está indicado tanto para iniciación como para perfeccionamento. O grupo máximo de persoas inscritas será de oito.

As inscricións xa están abertas e a data de peche serán, para a ximnasia acuática, ata o 30 de xuño e para as clases de natación, tanto adultos como nenos e nenas, ata o 21 de xullo.

As matrículas poderán realizarse nas oficinas do Concello ou a través da Sede Electrónica do Concello de Covelo e terán un prezo de 5 euros para persoas empadroadas e 25 euros para persoas non empadroadas.

Dende o Concello de Covelo aseguran que a programación contará con monitores e monitoras especializadas e material técnico axeitado para o correcto desenvolvemento das actividades. Con esta iniciativa, o goberno local busca consolidar a súa oferta deportiva de verán, reafirmando o seu compromiso coa saúde, a formación e o benestar da súa veciñanza.

Tracking Pixel Contents