Lecer
O Rosal prepara a V Mostra de Cinema con máis de 1.100 curtas
A presentación oficial desvelou as principais novidades da edición 2025

Presentación da Mostra de Cinema do Rosal. | // D.P.
A Mostra de Cinema do Rosal chega á súa quinta edición con forza renovada e récord de participación. A asociación Ghorghalado e o Concello do Rosal presentaron oficialmente o evento nun acto no que se deron a coñecer as principais liñas desta nova edición, que decorrerá entre xullo e agosto en varias localidades do Baixo Miño.
A alcaldesa do Rosal e Paula Martínez, en representación da asociación organizadora, abriron o acto que contou con intervencións doutras persoas integrantes de Ghorghalado. A presentación incluíu tamén a proxección de varias curtas: unha peza pensada especialmente para a rapazada, as tres curtas gañadoras da edición de 2024, e un vídeomapping sobre a fachada do concello. Ademais, estreouse un vídeoclip promocional que poderá verse nas redes sociais e distintas plataformas dixitais.
Un dos puntos destacados foi o anuncio das datas e sedes das proxeccións. As curtas da selección oficial serán proxectadas durante o mes de xullo en distintas localidades como Goián, Camposancos, San Miguel, Fornelos, Novás e Marzán. Xa no mes de agosto, será a quenda das obras finalistas e gañadoras, que se exhibirán na Praza do Maio de Tabagón entre o 6 e o 9 de agosto. A gala de entrega de premios celebrarase o domingo 10 na Praza do Calvario, tamén no Rosal, e tanto a apertura como o peche contarán con actuacións musicais en directo.
Tamén se presentou o cartel oficial da edición de 2025, que mantén a identidade gráfica da mostra. No referente aos galardóns, haberá sete premios en total. Aos xa habituais –mellor curta segundo o xurado, mellor curta segundo o público, mellor guión, mellor interpretación e mellor fotografía– engádense dúas novas categorías: mellor curta de temática social e mellor curta de temática rural. Todos os premios estarán dotados cun trofeo deseñado pola asociación e elaborado polo escultor portugués J.M. Teixeira, natural de Arcozelo, Ponte de Lima.
O vídeo clip promocional presentado durante o acto destaca os valores naturais, patrimoniais e gastronómicos da comarca, propoñendo un plan perfecto que mestura cultura e lecer: desfrutar da contorna durante o día e rematar coas proxeccións da Mostra.
Outro momento clave foi a presentación do xurado da edición 2025, composto por Carlos Villanueva, concelleiro de Cultura do Rosal; Nani Matos, cineasta, músico e actor; Alberte Alonso, fotógrafo; Bieito Álvarez, músico; Elena Alonso, deseñadora; e Xoán Gándara, da asociación Ghorghalado.
No eido da participación, a organización destacou que, a falta de poucas horas para pechar o prazo, xa se superaron as 1.100 curtas presentadas, fronte ás 783 da edición anterior. A maioría das obras proceden do Estado español, pero tamén chegaron propostas de países como Francia, Irán, Canadá, Estados Unidos, Senegal, Brasil ou Colombia. A calidade mantense elevada, polo que o traballo do xurado non será doado.
As proxeccións principais terán lugar na Praza do Maio de Tabagón, un espazo pechado, seguro e de doado acceso, situado entre a igrexa parroquial e os xardíns da localidade. Paralelamente, terá lugar unha exposición multimedia no salón de exposicións do concello, centrada nos fitos históricos do cinema e nas grandes películas do sétimo arte.
A organización avanza que nas vindeiras semanas anunciarán máis novidades arredor desta V Mostra, que aspira a consolidarse como un referente cultural e cinematográfico da comarca.
- Solo tres concellos de Galicia están «libres» de radón
- Olvídate de Samil: esta es la playa con el agua más caliente de Galicia (y está casi vacía)
- El restaurante flotante de Roberto Vilar en Silgar
- Hosteleros divididos por la actitud de los peregrinos
- De Gustavo López a Jennifer López: las manos gallegas que en su día cuidaron al Celta trataron a la diva del Bronx en Pontevedra
- Turistas maleducados
- Un empresario de Santiago detenido por pertenecer a una organización criminal que defraudó 69 millones de euros con bebidas alcohólicas
- La estafa de la academia Vive Formación supera los 300.000 euros y el centenar de afectados