Miradoiro

Nova mirada á Rede Natura 2000 do Baixo Miño dende A Cañiza

O Miradoiro de Monte Lapido da Cañiza ofrece vistas ao val do Ribadil e do Miño

Alcalde e concelleiras da Cañiza no novo miradoiro.   | // D.P.

Alcalde e concelleiras da Cañiza no novo miradoiro. | // D.P.

[A Cañiza]

O Concello da Cañiza estrea un novo miradoiro, o Miradoiro de Monte Lapido, situado no lugar de Noceifas, na parroquia do Couto.

Este novo observatorio natural está situado sobre o val do río Ribadil, no límite do espazo Rede Natura 2000 do Baixo Miño.

A nova instalación ofrece unhas vistas privilixiadas sobre o val do río Ribadil, o Miño e ata as montañas do norte de Portugal. Ademais, a zona conta cunha cobertura arbórea baixa de piñeiro atlántico, que non interfire na panoramica do espazo natural.

O alcalde da Cañiza, Luís Piña, destacou a importancia deste proxecto que «permite dar visibilidade aos valores ecolóxicos e paisaxísticos da zona e reforza a conexión entre a veciñanza e o seu medio natural, á vez que mellora a oferta recreativa e ambiental da Cañiza».

O espazo no que esta situado, na contorna do Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) Baixo Miño, forma parte da Rede Natura 2000 e presenta un alto valor ecolóxico gracias á presenza de ecosistemas de ribeira e a unha rica biodiversiade tanto en flora como en fauna, con carballos, loureiros, sobreiras, salgueiros, toxos, lampreas, anguías, troitas e salmóns, entre outras especies.

A obra desta nova instalación foi realizada gracias a unha subvención do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) destinada á recuperación do patrimonio natural e sensibilización ecolóxica na rede Natura 2000 de Galicia. O Concello aportou a parte correspondente ao IVE.

En concreto, as obras incluíron a contrucción do miradoiro de madeira, un camiño de acceso con escaleiras e a sinalización.

Tracking Pixel Contents