Deporte
Fútbol de ascenso e baloncesto formativo inician un verán activo
O Caselas C.F. celebra o salto á Primeira Futgal e o C.B. Caselas organiza o seu exitoso seu campus de verán

C.B. Caselas. | // D.P.
Dous dos principais clubes deportivos de Salceda de Caselas, o Caselas Club de Fútbol e o Club de Baloncesto Caselas, protagonizan un arranque de estación que conxuga éxito competitivo e aposta pola formación da mocidade. Por unha banda, o equipo sénior de fútbol celebra o seu ascenso a Primeira Futgal. Pola outra, o campus estival de baloncesto cumpre a súa cuarta edición con récord de participación e actividades que combinan aprendizaxe e diversión.

Caselas C.F. | // D.P.
Ascenso a Primeira Futgal
O Caselas C.F. logrou un fito histórico: o ascenso a Primeira Futgal. Tras dúas tempadas competindo en Segunda, o club consolida así o seu crecemento deportivo cun éxito que se levaba buscando dende hai anos. O pasado curso, o ascenso escapara por pouco. Este ano, o traballo constante desde setembro viu por fin a súa recompensa. «Foi unha liberación e un golpe de felicidade e confianza para moitos xogadores e persoas que traballan no club», sinalan desde a entidade.
A plantilla está composta por 22 xogadores, dos cales nove son naturais de Salceda: Cristian, Borja, Óscar, Groba, Fer, Yago, Diego Blanco, Suso e Lui. Entre eles, tres exercen de capitáns: Óscar, Groba e Cristian, formando parte do cuarteto que lidera o vestiario. O equipo conta tamén con xogadores doutras localidades da contorna, como Tomiño, As Neves, Tui, Salvaterra e O Porriño, o que reforza o carácter comarcal do proxecto.
Á fronte do equipo está Nacho Soret, adestrador vigués de tan só 24 anos, que guiou ao equipo con solvencia cara a este ascenso tan desexado.
O club xa ten fixado o seu obxectivo inmediato: consolidarse na categoría e manter a praza na Primeira Futgal. A longo prazo, a aspiración pasa por regresar á Preferente. Mentres tanto, o Caselas está nun momento «de doce», segundo recoñece a propia entidade.
Para este verán, o club xa ten previstos varios torneos: o tradicional Vila de Salceda e o Torneo EAM, que manterán a actividade competitiva durante os meses estivais.
Desde o club tamén tiveron palabras de agradecemento para a súa afección, especialmente polo apoio recibido no último tramo da tempada. Así mesmo, destacaron a colaboración das Escolas Denis Suárez, que achegaron xogadores xuvenís durante o ano, así como o respaldo das casas comerciais locais e do patrocinador principal, LR, representado por José Antonio Lemos.
IV Campus de Verán
Mentres o fútbol celebra un éxito histórico, o Club de Baloncesto Caselas continúa a apostar forte pola formación da base. Hoxe remata no Pavillón Municipal a cuarta edición do Campus de Verán, con participación de 40 rapaces e rapazas das categorías Mini, Infantil, Cadete e Júnior.
A maioría das persoas participantes forman parte da canteira do club, aínda que tamén hai presenza doutras entidades da contorna. Este proxecto, que naceu como traballo de fin de ciclo do actual coordinador Adrián Salgado, converteuse nunha referencia no verán salcedense e o ano que vén celebrará a súa quinta edición.
Durante cinco días, o campus combina adestramentos técnicos en grupos reducidos con actividades lúdicas e formativas. O corpo técnico conta con experiencia contrastada e incluso cun toque internacional, o que garante un nivel de aprendizaxe elevado e adaptado ás necesidades de cada grupo.
Nesta edición, destacaron a visitas de Diego Gómez, axudante principal do Club Ourense Baloncesto (COB), e Lorena Pérez, xogadora profesional de balonmán na Primeira División Española e orixinaria de Salceda, achegando exemplos inspiradores de traxectorias deportivas de éxito.
Ademais do baloncesto, o programa inclúe unha ampla oferta de actividades complementarias: excursión ao parque de aventuras Marikiná Park, sesión de piscina, espectáculo de maxia en directo, unha noite no pavillón, olimpíadas internas, así como charlas sobre arbitraxe e primeiros auxilios.
O C.B. Caselas vén de pechar unha tempada histórica, na que acadou o seu récord en número de equipos (13) e licenzas federativas (140). Desde a organización destacan que o campus non só ofrece formación deportiva de calidade, senón tamén unha experiencia de convivencia inesquecible para todas as persoas participantes.
- Rescatan en Vigo a un hombre desaparecido que llevaba 11 días oculto entre rocas en Tombo do Gato
- Multa de 10.000 euros y 3 meses sin licencia para el furtivo de los 800 kilos de pulpo
- El grupo de israelíes expulsado por un hostelero de Vigo: «Le dijimos que estaba manipulado por los medios, que no conoce la verdad»
- Detectan «barbaridades» en las embarcaciones de recreo
- Una asociación pedirá anular judicialmente la concesión de la Medalla de Galicia a Leonor
- El empresario detenido por la UCO en Santiago es uno de los tres cabecillas de la red criminal que defraudó 69 millones
- Muere Marta Jiménez, colaboradora de ‘El Hormiguero’, durante un salto base en Huesca con tan solo 34 años
- Las rampas de Gran Vía a Praza América serán semiabiertas y contarán con árboles