BAIONA

Comeza a tempada de visitas guiadas

Unha oferta variada e para todas as idades dinamizará o turismo na vila

[Baiona]

A Concellería de Turismo de Baiona vén de facer público o seu calendario de visitas guiadas para o verán de 2025, unha proposta que combina cultura, natureza e entretemento para todas as idades.

Logo do éxito da visita de San Xoán, este domingo 29 de xuño terá lugar a primeira actividade infantil: «O misterio do muíño descapotable», unha aventura con enigmas pola senda fluvial de Baredo, dirixida a nenos a partir de 5 anos.

A visita ao Casco Histórico repetirase os martes de xullo e agosto e os sábados de setembro ás 11:00 h. Tamén regresan as visitas ao Paseo Monte Boi, á Virxe da Rocha, á península de Santa Marta e as rutas infantís como Seguindo os pasos de Drake.

Destacan dúas novas propostas: Baiona Mariñeira, cun percorrido polo porto e a lonxa, 10 de xullo e 7 de agosto; e a visita pola senda dos muíños de Baredo, o 2 e o 30 de agosto.

As visitas están guiadas por profesionais acreditados e teñen prazas limitadas. É preciso inscribirse na Oficina de Turismo ou en: oficinadeturismo@baiona.gal.

Tracking Pixel Contents