Un traballo no que participa todo o pobo

Mulleres traballando no desfollado de prantas nos portais da vila días previos ao Corpus.

Mulleres traballando no desfollado de prantas nos portais da vila días previos ao Corpus. / ANXO GUTIÉRREZ

LARA R. MIRA

[Ponteareas]

Ponteareas comeza a sentir o bulicio dos días grandes do Corpus Christi que vai tomando forma nas rúas da vila. Mentres esa rebuldaina empeza a sentirse polas prazas na semana prevía á gran festividade, centos de veciños e veciñas da vila traballan a reo e sen descanso.

Traballando na confección das alfombras de noite.   | // ANXO GUTIÉRREZ

Pintado e perfilado das rúas de Ponteareas. / ANXO GUTIÉRREZ

O Corpus Christi comeza moito antes de que os focos, os desfiles e as bandas saian ao paso. O esforzo colectivo, que revela unha devoción profunda, trasmítese de xeración en xeración neses portais que acollen cada ano centos de caixas cheas de flores esperando ao gran día.

Un traballo no que participa todo o pobo

Traballando na confección das alfombras de noite. / Anxo Gutiérrez

Os portais, espazos cubertos, entradas de vivendas, soportais e baixos comerciais, convértense en auténticos laboratorios de creatividade durante as semanas previas ao Corpus. Neles, veciños e veciñas organizan todo o proceso: recollida, secado, selección e preparación do material vexetal empregado para darlle vida a cada tramo deses tapices florais.

O portal é o corazón da alfombra; é o lugar no que se vive todo o proceso. Alí, persoas de todas as idades pasan as tardes e as noitiñas, contando contos e pequenas historias mentres debullan e recortan todos os materiais precisos.

A organización veciñal é unha engranaxe perfecta. En moitos casos, non hai unha orde exacta nin estruturas xerárquicas. O liderado xorde de forma natural e espontánea; en moitas ocasións guiado pola sabeduría e a propia experiencia dos máis lonxevos.

Pequenos e maiores comparten espazo e vivenzas e aproveitan os recursos que cada un pode ofrecer. As técnicas tradicionais e de toda a vida únense ás novas ideas e ferramentas máis modernas. En resumo, un verdadeiro exercicio de comunidade.

Cada portal e agrupación organízase ao seu xeito, pero case sempre se adoitan facer equipos. Desta forma, cada grupo pode chegar a especializarse nunha materia en concreto, garantindo o perfecto funcionamento de cada ámbito.

Así, hai persoas adicadas exclusivamente ao deseño e á maquetación da alfombra. Outras, son as encargadas de desfollar todos os materiais; tamén hai grupos de persoas encargadas de ir ao monte e recoller as vexetacións e materiais precisos.

Ademais, adoita ser común que cada portal organice as súas propias xornadas de recollida de materiais. Unha especie de excursión familiar, coa que ademais de ser unha forma de recoller os materiais dun modo máis rápido e eficaz, serve para realizar unha dinámica grupal e unificar ao equipo, compartir tempo xuntos e que todas as persoas que forman parte da asociación se coñezan unhas ás outras.

Chegado o día grande da festa, que nesta edición será o vindeiro sábado 21 de xuño, todos os e as participantes saen á rúa, nunha primeira instancia pasando o deseño do papel á realidade a través do pintado e perfilado do debuxo das alfombras sobre o firme. Tras este primeiro paso, comeza a grande tarefa de rechear todos os ocos cos materiais preparados previamente durante semanas.

Un traballo, e unha arte efémera, que chegará ao seu fin co paso da procesión do Corpus Christi.

Tracking Pixel Contents